+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

CUBELA FORMALIZA O MÉRCORES A HISTÓRICA COMPRA DA CASA DO POBO DE CORREDOIRA PARA RECUPERALA PARA OS VECIÑOS


O acordo péchase por 25.199 euros en base ao informe pericial da Sociedade Estatal de Xestión Inmobiliaria de Patrimonio

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou que o vindeiro mércores formalizarase oficialmente a histórica adquisición da Casa do Pobo de Corredoira por parte do Concello despois de chegar a un acordo co Estado, que era o seu propietario, e “co obxectivo principal de recuperala para os veciños e que poidan usala con total liberdade e seguridade e que ademais poida beneficiarse dunha fonda rehabilitación”.

Cómpre sinalar que, tras máis de dous anos de dura negociación co Estado polas diverxencias á hora de fixar un prezo, Cubela conseguíu un acordo a comezos deste mes coa oficialía maior encargada da xestión das propiedades e bens sindicais do Ministerio de Empleo. En concreto, pactouse unha cifra de compravenda de 25.199 euros, intermedia entre a oferta inicial de 14.000 por parte do Concello e as pretensións de 36.000 do Goberno Central e que quedou fixada pola tasación pericial da Sociedade Estatal de Xestión Inmobiliaria de Patrimonio.

Agora, para formalizar este acordo, o goberno local convocou para mañá unha comisión informativa específica para este asunto e o mércores da vindeira semana, día 30, celebrará un pleno extraordinario que pechará a adquisición do inmoble, financiado ao abeiro do Plan Concellos, a falla de que o propio Cubela asine o contrato coa administración central.

“Esta negociación dou moitísimo traballo, pero téñoo por moi ben empregado porque permite devolverlles aos veciños de Corredoira a súa Casa do Pobo despois de que lles fora incautada polo franquismo e ademais o conseguimos co maior dos coidados co diñeiro público, xa que pelexamos ata o último euro. En todo caso, e grazas á nosa capacidade de xestión, dende novembro o edificio será noso e poderemos decidir tranquilamente sobre o seu futuro sempre de acordo cos veciños, que son os grandes protagonistas desta loita”, explicou o alcalde.

Tras formalizar a compravenda, Cubela anunciou que este edificio beneficiarase dunha completa rehabilitación cunha partida estimada duns 70.000 euros –segundo o anteproxecto presentado aos veciños– que se enmarca no Plan de Centros Veciñais, co que se actúa neste momento en Cutián, Caroi, Chamadoira e Tenorio. Posteriormente, cederase o seu uso á parroquia para as súas actividades.

Deja un comentario