+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

O COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE PONTEVEDRA LOGRA 14 CANDIDATURAS FINALISTAS NOS PREMIOS “BEST IN CLASS 2019”


Estes galardóns recoñecen aos mellores centros e servizos sanitarios de toda España pola calidade na atención aos pacientes
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra vén de acadar 14 candidaturas finalistas aos premios “Best in Class 2019”, galardóns que convoca anualmente a publicación especializada Gaceta Médica, xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rei Juan Carlos, e que teñen como principal obxectivo recoñecer publicamente os mellores servizos, unidades e procesos asistenciais de hospitais e centros de saúde de todo o ámbito nacional, tanto públicos como privados, destacando a excelencia na atención ao paciente e o bo facer dos profesionais sanitarios.

Nas súas respectivas categorías, foron 7 os servizos e procesos asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra os que resultaron elixidos finalistas: o servizo de Dermatoloxía polo seu tratamento da psoriase; o de Farmacia Hospitalaria polo seu sistema de preparación de medicación BD CATO; o de Medicina Interna coma Servizo, pola súa sección de procesos infecciosos, pola atención do VIH-Sida e polo seu programa de formación dos Médicos Internos Residentes; Psiquiatría, como mellor Servizo no tratamento da esquizofrenia; Dixestivo, pola súa atención á Hepatite C e á patoloxía dixestiva, Hematoloxía, Microbioloxía, así coma a Atención Primaria da Área e o propio Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés por ser un dos mellores centros sanitarios en xestionar as demoras asistenciais, a seguridade clínica, as relacións con asociacións de pacientes, así coma na súa aposta e os recoñecementos GETECCU de calidade, todo elo coa coordinación da subdirección de Calidade da área sanitaria.

A concesión destes premios está baseada fundamentalmente na puntuación obtida polos candidatos co Índice de Calidade Asistencial ao Paciente (ICAP), que se establece a partir da análise multivariable dos datos recollidos nos cuestionarios de autoavaliación cubertos polos hospitais e centros de Atención Primaria.

Gañadores e finalistas formarán parte da Guía dos Mellores Hospitais e Servizos Sanitarios que a organización dos premios “Best in Class” edita anualmente. O acto oficial da entrega destes galardóns nacionais -que este ano acadan a súa décimo cuarta edición- terá lugar o vindeiro martes, 29 de outubro de 2019, no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.

Deja un comentario