+034 986 09 02 04 Xoves 12 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NO IX ENCONTRO DE CONSERVACIÓN E RESTAURACIÓN NO MUSEO


Expertos de renome nacional e internacional exporán os días 13, 14 e 15 as novidades sobre o estudo e intervención en pinturas murais

O Sexto Edificio acollerá o 13, 14 e 15 de novembro o IX Encontro de Conservación e Restauración organizado polo Museo de Pontevedra en colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que este ano estará dedicado ao estudo e á intervención de pinturas murais. A longo de tres días, especialistas de renome nacional e internacional daranse cita nestas xornadas “totalmente consolidadas e que constitúen un referente nos eidos da restauración, da conservación e da historia da arte”, sinalou o director do Museo, José Manuel Rey, quen resaltou a importancia de dar a coñecer as novas investigacións de cara a “axudar aos profesionais do sector a afrontar o reto constante ao que se expoñen dada a variedade de técnicas e materiais empregados para a creación de murais”.

As persoas interesadas en participar neste encontro terán de prazo ata o 8 de novembro para formalizar a súa inscrición a través da páxina dixital do Museo (http://www.museo.depo.gal), onde pode consultarse a programación completa, ademais de obter o formulario de matrícula. Serán 240 as prazas dispoñibles e o público asistente recibirá no acto de clausura un diploma acreditativo.

Pedro Echeverría, da Universidad del País Vasco; Pere Rovira i Pons, do Centre de Restauració de Béns Mobles de Catalunya; Mireia Mestre, do Museu Nacional d’Art de Catalunya; Simona Sajeva, do Estudio Interfaces; Juan Manuel Madariaga Mota, da Universidad del País Vasco; Livio Ferrazza, colaborador externo del Instituto Valenciano de Conservación, Restauración e Investigación; os conservadores e restauradores Aleix Barberá e Philip Kron Morelli; Celia Casás Pérez, de ARA S.L. Restauración y conservación; Lucía Pereira Pardo, de The National Archives; Yolanda Gómez, de CREA Restauración; Pilar Roig Picazzo e Pilar Bosch, da Universidad Politécnica de Valencia; serán os relatores desta edición que “agardamos conte, como cada ano, cun gran respaldo por parte dos profesionais que desenvolven a súa labor no campo da conservación do patrimonio”, destacou o director do Museo de Pontevedra.

Deja un comentario