+034 986 09 02 04 Mércores 21 de Novembro de 2018

A Xunta destaca que por sexto ano os concellos galegos beneficianse das axudas do canón eólico


Alfonso Rueda e José Manuel Cores Tourís visitaron hoxe o concello de Vila de Cruces para coñecer in situ as actuacións levadas a cabo ao abeiro de subvencións da Xunta

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou que por sexto ano consecutivo, os municipios galegos se benefician de ter explotacións eólicas, xa que grazas ao Fondo de Compensación Ambiental, prodúcese un beneficio para os concellos e en xeral para todos os cidadáns, porque se subvencionan investimentos relacionados coa mellora do entorno e a conservación do noso medio ambiente.

Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra José Manuel Cores Tourís visitou o concello de Vila de Cruces para coñecer in situ as actuacións levadas a cabo ao abeiro de subvencións da Xunta a prol dos concellos, coma o Fondo de compensación Ambiental, a orde de infraestruturas e o Plan Marco de Camiños.

O concello de Vila de Cruces recibiu do canon case 350.000 euros nos últimos cinco anos, que permitiron importantes actuacións en saneamento e abastecemento de augas, en conservación da biodiversidade, en áreas recreativas e na adquisición de material para desbrozar.

O número dous da Xunta destacou que a a Xunta foi pioneira en apostar decididamente pola cooperación entre concellos fomentando a cooperación a través de incentivos, e poñendo en marcha varias medidas nas que se pode visualizar a aposta do goberno galego pola cooperación intermunicipal.

Para este ano, Vila de Cruces vai optar conxuntamente ás axudas do Fondo co concello de Touro para levar a cabo una actuación de recuperación paisaxística no entorno da Ponte de Remesquide, que beneficiará ao medio ambiente, aos 10.000 veciños dos dous concellos e aos que os visiten, xa que ademais de rehabilitar a ponte e o seu entorno e de conservar o río, pretenden ampliar as rutas de sendeirismo.

Así, presentarse á subvención de maneira conxunta, suporalles un aforro do 20 por cento respecto á tramitación por separado, e ademais terá máis valoración na resolución da orde por ser un proxecto conxunto, ao darlle máis puntos á hora de determinar a quen se lles concede, mantendo así a liña do que pretende a Xunta, a suma de esforzos, evitar duplicidades e ofrecer o mellor aos veciños.

No caso das infraestruturas, levaron a cabo pequenas actuacións que redundan directamente no beneficio dos veciños, como o parque infantil cun investimento de 40.000 euros que se fixo en Vila de Cruces no 2011. E grazas ao Plan Marco de Camiños, tanto Vila de Cruces coma Touro disporán máis de 100.000 euros cada un nestes dous próximos dous anos para arranxar e adecuar os camiños.

Deja un comentario