+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN INVISTE MEDIO MILLÓN DE EUROS EN AXUDAS A 102 ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO DA PROVINCIA PARA SERVIZOS SOCIAIS, SOCIOSANITARIOS E DA XUVENTUDE


Carmela Silva salienta o labor das asociacións con colectivos de especial vulnerabilidade ou que precisan atención específica e destaca que os proxectos “cobren necesidades básicas”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno aprobará o día 29 a concesión das subvencións dirixidas á 102 entidades sen fins de lucro para actuacións no ámbito dos servizos sociais, sociosanitarios e da xuventude na provincia. A institución investirá un orzamento de 499.000 euros no montante destas axudas e Carmela Silva quixo salientar “o labor que desenvolven na sociedade” as entidades beneficiadas, que prestan atención a colectivos en situación de especial vulnerabilidade.

Silva explicou que as 102 entidades están radicadas en vinte concellos e as subvencións foron adxudicadas “tendo en conta os principios de igualdade, transparencia, non discriminación e obxectividade”. Engadiu que as axudas “teñen como obxectivo a realización de proxectos orientados á intervención, asistencia, integración social e laboral, prevención e promoción do benestar de colectivos que estean en especiais circunstancias e que sen dúbida precisan do apoio das administracións para poder ofrecer todos os servizos fundamentais que están a prestar”.

Máis polo miúdo, Silva citou que, entre outros, os proxectos subvencionados inclúen programas de respiro familiar, bancos de alimentos, terapias para persoas maiores, obradoiros, actividades de orientación e apoio á mocidade LGTBI, programas de acollida e desenvolvemento persoal da muller, actividades para persoas con enfermidades mentais, cancro, esclerose, autismo ou artrite entre outras doenzas; iniciativas para a prevención do alcoholismo; pedagoxías para nenos e nenas con diferentes dificultades; obradoiros para a prevención da violencia de xénero entre a mocidade; servizos de orientación laboral; vivendas tuteladas ou albergues para transeúntes ou proxectos de intervención socioeducativa. “Son proxectos que cobren as necesidades básicas da sociedade _indicou_, en particular de aqueles colectivos que están nunha situación de especial vulnerabilidade ou que precisan unha atención específica”.

Deja un comentario