+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O MORRAZO, EN LISTA DE AGARDA PARA COMPOSTAR


A carpa informativa do Plan Revitaliza da Deputación pechou a semana con máis dun cento de solicitudes de composteiros individuais e de participación nos comunitarios

As xornadas informativas do Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación foron todo un éxito esta semana na comarca do Morrazo. Foron moitos os veciños e veciñas que se achegaron a recibir información e máis dun cento os que solicitaron ter un composteiro individual para a súa casa e tamén participar nos centros de compostaxe comunitarios. De feito, superáronse as expectativas e adxudicáronse todos os composteiros individuais que a institución provincial concedeu aos concellos na última fase, e foi preciso crear unha lista de agarda que supera xa os 60 fogares.

A primeira xornada informativa no Morrazo foi o pasado luns en Bueu, nas inmediacións da Praza de Abastos. Alí conseguíronse preto de 60 compromisos de veciñanza para participar no plan de compostaxe, tanto individualmente como nos centros comunitarios. O mércores a quenda foi de Moaña, no mercadiño, onde foron 32 as persoas que solicitaron os medios para compostar; e finalmente Cangas, na xornada de onte, conseguiu 17 adscricións, unha cifra menor debido a que pola chuvia non se puido instalar a carpa na Praza do Reló tal e como estaba previsto, senón que se ubicou no interior das dependencias da Casa do Concello.

O persoal técnico do Revitaliza ten en marcha a campaña informativa sobre compostaxe para explicar todos os beneficios do modelo de xestión do lixo baseado produción de compost. Subliñan que é preciso para cumprir os obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica en canto a reutilización e reciclaxe. Unha das súas intencións é facer ver que é precisa a concienciación e colaboración da cidadanía, porque a Unión Europea esixirá reciclar o 50% de todo o lixo en 2020 e compostar ou recoller en orixe separadamente os biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023 de forma obrigatoria.

As persoas que se achegan á carpa informativa ademais das explicacións dos e das profesionais, reciben material divulgativo para reforzar o seu coñecemento. Aquelas que o desexen tamén poden poñerse a proba, participar nos xogos de preguntas e respostas, e recibir unha e algún outro agasallo. Unha das cuestión máis destacadas polo persoal Revitaliza, de feito, é que durante todas as xornadas foron moitos os e as morracenses que, xa tendo o seu composteiro, se achegaron para comentar o ben que funciona ou algún ‘truco’ para facer compost de mellor calidade, así como tamén para aclarar pequenas dúbidas.

Deja un comentario