+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Agosto de 2020

A XUNTA PORÁ EN MARCHA UNHA NOVA LIÑA DE SUBVENCIÓNS AOS CONCELLOS PARA HABILITAR PARQUES INFANTÍS CUBERTOS


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento galego para explicar as contas do seu departamento para 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento galego para explicar as contas do seu departamento para o vindeiro exercicio, onde máis do 70% irá destinado a violencia de xénero, emerxencias, xustiza, cooperación ao desenvolvemento e apoio aos concellos, cunha nova liña de axudas dirixida á construción de parques infantís cubertos e para cubrir instalacións deste tipo xa existentes.

Así o explicou hoxe o vicepresidente na presentación das actuacións previstas nos orzamentos para 2020 da Vicepresidencia, que superan por primeira vez os 300 millóns de euros. Deste total, sete de cada dez euros destinaranse aos programas de carácter máis social: a violencia de xénero, a atención ás emerxencias, a administración de xustiza, a cooperación ao desenvolvemento e o apoio aos concellos.

O orzamento da Secretaría Xeral da Igualdade aumenta en máis dun 8% con respecto ao ano pasado. No orzamento inclúese a consignación anual de 8 millóns de euros para a aplicación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. En 2020 está prevista a elaboración de dous novos plans: o primeiro Plan estratéxico de Galicia contra a trata con fins de explotación sexual e o Proxecto Fénix, de medidas de intervención integral con menores agresores de violencia de xénero.

Ademais, entre outras medidas, ampliarase o programa de fomento da contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero por parte dos concellos; aumentarase o apoio ás entidades locais para desenvolver medidas de fomento da igualdade; reforzarase a colaboración coas entidades de iniciativa social para atender ás mulleres que máis o precisan; e ampliarase o programa destinado á conciliación.

Ademais, en 2020 incrementarase a partida para o Plan de renovación das principais infraestruturas da administración autonómica. O obxectivo deste Plan é a restauración e mellora do patrimonio da comunidade autónoma, con especial incidencia na recuperación dos edificios emblemáticos do patrimonio histórico e na mellora da eficiencia enerxética.

Nos últimos anos, xa se executaron accións nesta liña e para 2020, ao abeiro deste Plan, están previstos un novo edificio administrativo en Ourense; a reforma interior e do edificio dos espellos de San Caetano; a segunda fase da obra de Benito Corbal en Pontevedra; melloras nos edificios administrativos de Ourense, Vigo, e Lugo; e melloras enerxéticas na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e no Pazo de Raxoi.

 

Xustiza e emerxencias
A Xustiza contará en 2020 cun total de 157,2 millóns de euros, dentro dos que se inclúe o orzamento necesario para finalizar as obras da Cidade da Xustiza de Vigo. Coa finalización desta obra porase tamén fin á renovación acometida dentro do Plan infraestruturas xudiciais, no que se investiron máis de 115 millóns de euros nos últimos anos.

O próximo exercicio tamén se continuará investindo en obras menores e de eficiencia enerxética; nos plans de renovación de mobiliario e seguridade; e na modernización da Administración de Xustiza (a través da AMTEGA).

A mellora da Administración de Xustiza tamén pasa por habilitar máis recursos. Así, en 2020 están orzamentados os fondos necesarios para financiar a integración de traballadores sociais nas Oficinas Xudiciais de Atención ás Vítimas, que a Xunta xa dotou de persoal psicólogo no 2017.

As emerxencias disporán de 31,9 millóns de euros. Como ata de agora, a Xunta seguirá colaborando na prestación de servizos de emerxencias de calidade mantendo a consignación para os consorcios de bombeiros, as subvencións á Protección Civil, e a dotación de equipamento a estes grupos.

Deja un comentario