+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

MÁIS DE 500 PERSOAS PARTICIPARÁN DESDE ESTE LUNS NO IV ENCONTRO POLA INCLUSIÓN ORGANIZADO POLA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA


A presidenta Carmela Silva amosou a súa satisfacción con respecto ás cifras de asistencia e lembrou a importancia da integración social

Todo está preparado para o IV Encontro Provincial pola Inclusión, que se desenvolverá este próximo luns 28 e o martes 29 de novembro coa asistencia de máis de 500 persoas que esgotaron todas as prazas. Deste xeito, a primeira das xornadas terá lugar no Sexto Edificio do Museo Provincial e será de carácter técnico. A ela asistirán 242 persoas dos ámbitos relacionados coa inclusión e a integración social. A segunda será unha xornada de convivencia de corte lúdico-festivo. Conta con 250 inscritos e terá lugar no Centro Príncipe Felipe.

“Estamos moi satisfeitos co desenvolvemento deste proxecto que empezou hai catro anos, cando comezamos a gobernar na Deputación, porque ano a ano vai participando máis xente e de feito na presente edición as prazas están esgotadas”, sinalou Carmela Silva. Así, para a presidenta, isto significa que “hai interese por poñer en valor as necesidades das persoas con diversidade funcional”. Precisamente, visibilizar a estas persoas, darlles voz e poñer enriba da mesa as súas necesidades e demandas son algunhas das finalidades do encontro.

Para a Deputación de Pontevedra é indispensable traballar pola inclusión, sobre todo tendo en conta os datos. Na provincia hai preto de 85.000 persoas con algún tipo de diversidade funcional recoñecida, unhas cifras que ascenden a 225.000 en Galicia e máis de 3 millóns de persoas no conxunto de España. Pontevedra convértese, xa que logo, na provincia galega cunha maior porcentaxe de persoas con diversidade funcional, cun 9%. “Falamos de actuacións sobre milleiros e milleiros de persoas”, sentenciou Silva.

Deja un comentario