+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

IRIA CAMPOS E RAMÓN TRONCOSO CONQUISTAN O «DEPODESAFÍO 2019» TRAS A ESPECTACULAR PROBA DO TRÍATLON DE VIGO


O deportista vigués do Atletismo Porriño non deu opción aos seus rivais cun recital en Samil. Iria, do Triatlon Motobike Galaico de Pontevedra, non puido participar pero a vantaxe que levaba na xeral dálle a vitoria no circuíto da Deputación

A presidenta Carmela Silva e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, amais de centos de persoas acompañaron aos máis de 400 deportistas que participaron

A segunda edición do “DepoDesafío”, a esixente proba deportiva da Deputación de Pontevedra, xa ten quen leve a súa coroa. O circuíto pechouse este sábado en Vigo cunha auténtica festa do deporte nos arredores da praia de Samil, que serviu para recoñecer a súa gañadora, a atleta lalinense Iria Campos, do Triatlon Motobike Galaico de Pontevedra, e ao seu gañador, o deportista vigués do Atletismo Porriño Ramón Troncoso, como os grandes vencedores deste ano.

Nun ambiente de luxo, e ante centos de persoas, entre as que estaban a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o deputado de deportes, Gorka Alonso, Ramón e Iria, aínda que ela non puido participar na etapa, selaron o seu liderado na clasificación xeral despois deste tríatlon. Nesta última proba do circuíto se disputaron 750 metros de natación na ría viguesa, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros da carreira a pé, e puido ser seguida en directo polas redes sociais da Deputación. Coa súa vitoria no Depodesafío 2019, Iria e Ramón gañan un dorsal personalizado e intransferible para o maratón de Berlín 2020, voo e aloxamento para el/ela e acompañantes, e poderán vivir unha experiencia única como a que desfrutaron Ariana González e Brais Misa, gañadores da primeira edición

Ramón Troncoso, que amais da Xeral gañou de forma incontestable o Triatlon de Vigo, recolleu o seu trofeo das mans da presidenta provincial Carmela Silva, acompañada do deputado de deporte, Gorka Alonso, mentres que o de Iria foi recollido no seu nome pola súa compañeira Andrea Orsoyla. Troncoso mostrou a súa emoción “porque non hai nada máis bonito que gañar na casa. O atleta vigués, que brindou a súa vitoria “a miña familia e ao meu equipo o Atletismo Porriño”, cualificou o Depodesafío como “un superformato porque non hai ningunha proba como esta en Galicia e cun premio como estar na maratón de Berlín que vou a desfrutar moito”

A presidenta provincial, Carmela Silva felicitou á Iria Campos e a Ramón Troncoso, “nun día marabilloso para un circuíto no que cada ano súmase máis xente e do que estamos moi orgullosas”. Silva deixou claro que o futuro do Depodesafio está asegurado. “Para o ano que ven máis e mellor”, rematou.

Así, dúas semanas despois de que a meteoroloxía impedise a celebración desta última proba do circuíto deportivo da Deputación, Samil e os seus arredores foron o mellor escenario para a última etapa que pecha o formato deste ano que comezou no pasado mes de xuño coa proba ciclista BTT nas Neves, a travesía a nado de Combarro (Poio), a carreira a pé nocturna de Vilagarcía e o Trail de Cuntis.

Deja un comentario