+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

O CONCELLO PRESENTA UNHA GUÍA INFORMATIVA DE TURISMO GASTRONÓMICO COAS OITO FESTAS CULINARIAS


 

O municipio dispón de citas gastronómicas dende o Entroido co Petote de Carballedo ata o mes de novembro co Bolo de San Martiño en Borela
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de presentar unha guía
informativa de turismo gastronómico que recolle as oito festas culinarias que se organizan
anualmente no municipio e que se prolongan ao longo de nove meses. A elaboración deste
documento enmárcase no plan turístico “Cuspedriños10”, que celebra a súa cuarta edición neste
outono e que conta coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia.
A guía, que conta cunha tirada inicial dun milleiro de exemplares, foi presentada polo alcalde de
Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e os concelleiros Lourdes Ovelleiro e Javier Lois. O rexedor
destacou o “gran potencial” que ten o concello no eido gastronómico e resaltou “a variedade de
produto, a súa calidade e o gran saber culinario das distintas organizacións para contar cun
elenco tan variado de festas que se prolongan durante nove meses, dende o Entroido co Petote
de Carballedo ata o mes de novembro co Bolo de San Martiño de Borela”.
“Agardamos que este material informativo sirva para complementar as demais accións de
promoción que estamos a facer de todas estas festas para que cada ano collan máis sona e
público e sigan sendo un atractivo máis destas terras”, indicou.
A guía informativa ofrece datos das épocas de celebración, as parroquias e outros detalles de
todo o circuíto completo de festas gastronómicas do municipio co obxectivo de favorecer o seu
coñecemento entre a veciñanza e os turistas. Así, danse detalles das citas do Petote de
Carballedo, o Becerro Ecolóxico ao Espeto de Viascón, o Requeixo de Corredoira, as Manciñas
de Porco de Aguasantas, a Filloa de Valongo, o Pan de Millo e Ovo de Tenorio, o Caracol de
Santa María de Sacos e o Bolo de San Martiño de Borela.

Deja un comentario