+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

CUBELA EMPRENDE ACCIÓNS DE COLABORACIÓN CO AEMPE PARA POTENCIAR O CRECEMENTO EMPRESARIAL


A asociación quere favorecer o desenvolvemento, analizar as necesidades e concretar actividades a celebrar nos concellos
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou na xornada
de hoxe que vanse emprender accións de colaboración coa Asociación de Empresarios da
Pequena e Mediana Empresa da Provincia de Pontevedra (Aempe) co obxectivo de potenciar o
crecemento e o desenvolvemento industrial no municipio e favorecer o establecemento dunhas
bases que consoliden a xeración de riqueza.
O rexedor explicou esta folla de ruta tras manter unha xuntanza coa directiva de Aempe na que
estiveron presentes o seu presidente, José María Corujo; a vicepresidenta Silvia Crespo; o
tesoureiro Hermenegildo Novoa; e a xerente Diana Pastoriza. A entidade estase a reunir cos
concellos de Pontevedra e das bisbarras limítrofes, que é onde ten o seu principal radio de
acción, co obxectivo de establecer sinerxias comúns e ámbitos de colaboración.
A asociación quere favorecer o desenvolvemento empresarial en toda esta contorna e por iso
está a manter estes contactos para coñecer de primeira man a situación dos concellos, nos que
tamén afondará nunha análise das súas necesidades e na determinación das actividades que se
poden celebrar nas áreas de industria e emprego.
Cubela agradeceu o convite por parte de Aempe e, ademais de amosarlles o seu apoio e de
felicitalos por querer establecer estratexias comúns, reveloulles que o goberno local ten en
marcha un importante proxecto para a creación dun parque empresarial en Monte Mocín, na
zona de Santa María de Sacos cercana a estrada N-541, que arrancaría inicialmente cunha
superficie de 12 hectáreas.
“A economía e o emprego é, xunto aos servizos sociais e públicos, a principal prioridade do
goberno de Cerdedo-Cotobade e por iso este tipo de xuntanzas son tan importantes, xa que
marcan camiños de colaboración que sempre dan froitos e fixan estratexias conxuntas que
favorecen os asentamentos empresariais, a creación de postos de traballo e a xeración de riqueza
e de boas dinámicas socioeconómicas”, detallou o alcalde.

Deja un comentario