+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

O PROGRAMA INTEGRADO DA XUNTA ‘INSERE MÁIS’ MELLORA AS COMPETENCIAS PROFESIONAIS DE 100 PERSOAS DESEMPREGADAS


 O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe no edificio do Viveiro de Empresas do PEMOS Veigadaña aos alumnos que participan no novena edición desta iniciativa que remata a mediados de novembro

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe en Mos, concretamente no edificio do Viveiro de Empresas do Parque Empresarial PEMOS Veigadaña, aos participantes do Programa Integrado de Emprego Insere Máis que organiza a Asociación de Empresarios de Mos e que celebra a súa novena edición. A iniciativa está permitindo que un cento de persoas sen emprego reciban formación de calidade para facilitar a súa inserción sociolaboral. Casal estivo acompañado durante a súa visita pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e polo presidente de AEMOS, Manuel Castro.

O edificio dos viveiros industriais sito no polígono de Veigadaña e que foi visitado hoxe polo director xeral, está preparado para a implantación de viveiros industriais para o establecemento de emprendedores do municipio de Mos. Conta con 4 talleres ou viveiros de carácter industrial 4.0 (desde robótica, impresión 3D, procesos, investigación… etc.) que se atopan dispoñibles para posibles candidatos interesados no seu uso. Os criterios de valoración para a selección dos/as candidatos serán obxectivos, primando na puntuación parámetros como a viabilidade do proxecto, a fórmula xurídica (por exemplo cando se trate dunha empresa de economía social), que se trate de promotores demandantes de emprego (emprendedores), de colectivos de difícil inserción, menores de 35 anos, mulleres, etc.

Ademais dos 4 talleres o edificio conta con zona de oficinas para atención ao emprendedor, e espazo para empresas emprendedoras con técnicos que as asisten e asesoran, orientan e axudan, acompañándoas nos primeiros anos de actividade empresarial. Na segunda pranta está a zona de servizos comúns e coworking, con despachos e zonas de recepción, administración, reunión e atención; onde poder organizar desde reunións comerciais ata eventos máis ambiciosos.

Para construción do Viveiro de Empresas na Veigadaña o Concello de Mos investiu a axuda solicitada á Consellería de Economía, Emprego e Industria na construción do edificio que alberga o viveiro de empresas, consistente en 240.000 euros, que representa o 80% da inversión total de 300.000 euros. A Asociación de Empresarios de Mos aportou, de fondos propios, un importe do 20% da inversión total, é dicir, 60.000 euros. O proxecto executouno o Concello de Mos, sendo este quen desenrolou a acción, conserva a titularidade do viveiro e recibiu a financiación procedente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Pola súa banda AEMOS encárgase da xestión e do funcionamento do viveiro.

Insere Máis

O programa integrado de emprego de AEMOS, cuxo ámbito de actuación abrangue Vigo, O Porriño e Mos, inclúe formación con acceso a un certificado profesional, ademais de actividades de orientación e asesoramento individualizado, intermediación laboral e acompañamento na procura de emprego, obradoiros de motivación, así como formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas. O obxectivo adquirido de inserción laboral mínima para esta iniciativa, que inclúe un programa formativo adaptado á demanda das empresas da contorna, é dun 45%, que xa foi superado.

Casal explicou que Galicia está desenvolvendo 40 programas integrados cun investimento de 10M€ para 4000 desempregados e desempregadas e o compromiso de acadar unha inserción do 35%. Ademais, insistiu na aposta pola formación que representa unha prioridade para a Xunta, ben para persoas ocupadas ou ben para desempregadas, co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda Galicia.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

Deja un comentario