+034 986 09 02 04 Xoves 12 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O MUSEO DE PONTEVEDRA É XA OFICIALMENTE PARTE DA REDE EUROPEA DE ‘CAMIÑOS DE ARTE RUPESTRE PREHISTÓRICA’


A Asemblea Xeral da CARP ratificou en Italia a incorporación tras unha grande acollida e sorpresa pola dimensión da institución provincial

Iniciáronse contactos para que o Museo colabore nun proxecto do ‘Centro Camuno di Studi Preistorici’ que optará a fondos europeos
A Asamblea Xeral Extraordinaria do Itinerario Cultural do Consello de Europa ‘Camiños de Arte Rupreste Prehistórico (CARP)’ ´acaba de ratificar a incorporación do Museo de Pontevedra como membro da rede na súa reunión do foro anual celebrada en Capo di Ponte (Brescia, Italia), ata onde se trasladou o pasado venres o director da institución provincial, Xosé Manuel Rey, para defender a candidatura.
Segundo dixo Rey, a acollida foi “especialmente boa” por parte das persoas membro da asamblea, que se amosou “sorprendida” pola dimensión, envergadura e relación de bens da institución provincial. “Están encantados de que nos incorporemos”, subliñou o director, agradecendo o acollemento do presidente da CARP, Leoncio Carrascal Ruiz, tamén presidente da ‘Red Cántabra de Desarrollo Rural’, e do resto de representantes.
Por outra banda, o director do Museo aproveitou a viaxe a Italia para manter reunións de traballo con outros organismos presentes no foro anual da CARP. De feito, iniciáronse contactos con outras organizacións para colaborar de maneira inmediata. Un exemplo é a participación do Museo de Pontevedra nunha candidatura para un proxecto europeo sobre arte rupestre liderada polo Centro Camuno di Studi Preistorici.
Este centro, ademais de convidar ao Museo de Pontevedra a ser parte do seu proxecto, tamén ofreceu a posibilidade de que o centro pontevedrés dispoña do arquivo dixital das imaxes producidas por Emanuel Anati na súa estadía de investigación en Galicia a finais da década dos sesenta dos pasado século. Este serviu de base para a publicación do traballo clásico ‘Arte rupestre nelle regioni occidentali della penisola ibérica’ (1968), que tivo no seu momento unha ampla repercusión entre as e os investigadores galegos.
Camiños de Arte Rupestre Prehistórica
O Itinerario Cultural do Consello de Europa ‘Camiños de Arte Rupestre Prehistórica’ (CARP) é a maior rede internacional para a cooperación en torno á arte dos primeiros europeos que integra nestes momentos máis de 150 dos principais destinos de arte rupestre abertos ao público en España, Portugal, Italia, Francia, Irlanda, Acerbaixán e Xeorxia.
Segundo o director do Museo, a inclusión do Museo de Pontevedra na CARP supón unha magnífica ocasión para reforzar a súa visibilidade e proxección internacional, permitir o intercambio de experiencias e coñecemento experto sobre diferentes aspectos da xestión museística, e dispor de socios internacionais cos que acceder a convocatorias europeas para o financiamento de actividades conxuntas.
A CARP é unha rede especialmente activa en materia de promoción dun turismo arqueolóxico sostible e dinamizador dos territorios rurais, formación de guías e persoal de atención ao público, desenvolvemento tecnolóxico e cooperación na execución de accións conxuntas a través de proxectos financiados pola Unión Europea. De feito, dada a relevancia de moitos dos socios do Itinerario Cultural do Consello de Europa, constitúe unha oportunidade inmellorable para difundir e dar a coñecer enclaves rupestres, museos, centros de interpretación e outros equipamentos que teñan a arte rupestre como un dos seus principais activos.
A día de hoxe forman parte deste Itinerario Cultural sitios emblemáticos como o Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira (España), Museu do Côa (Portugal), Lascaux IV – Centre International de l’Art Pariétal e Caverne du Pont-d’Arc-Chauvet (Francia) ou Gobustan National-Historical Artistic preserve (Acerbaixán), todos eles incluídos na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.
Galicia, pola súa banda, conta con cinco destinos rupestres englobados nesta rede, todos eles no ámbito territorial da provincia de Pontevedra e a menos de 25 quilómetros de distancia do propio Museo, cos que pode cooperar para reforzar o coñecemento e promoción dos petróglifos de Galicia: o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, a área arqueolóxica de A Caeira en Poio; a área arqueolóxica de Tourón em Ponte Caldelas; os petróglifos de Mogor en Marín, e os petróglifos de Monte Penide en Redondela.
O Museo de Pontevedra e a arte rupestre
No informe xustificativo que argumenta a adhesión do Museo de Pontevedra á CARP destácase que a institución museística provincial ten unha longa tradición investigadora en relación coa arte rupestre que se remonta á Sociedad Arqueológica de Pontevedra.
O Museo, de feito, alberga entre os seus fondos un importante conxunto de materiais orixinais e de produtos derivados da súa investigación e estudo; conta cun importante arquivo gráfico e documental formado por fotografías, debuxos, apuntes ou bosquexos de distintos investigadores desde finais do século XIX ata a actualidade; posúe réplicas de moldes de xeso de Ramón Sobrino Buhigas realizados como consecuencia da súa investigación para a publicación do Corpus Petroglyphorum Gallaeciae (1935); así como tamén dispón de mostras orixinais de arte rupestre, tanto petróglifos como estelas e mesmo arte megalítica.
Outro dos puntos que se tivo en conta é que o Museo ten unha dilatada tradición no inventario e catalogación de petróglifos, evidenciada sobre todo a partir das publicacións Materiais para a Carta Arqueolóxica da provincia de Pontevedra (Filgueira Valverde e García Alén, 1953) e Gravados rupestres da provincia de Pontevedra (García Alén e Peña Santos, 1981), polo que xogou un papel destacado no seu proceso de declaración de Bens de Interese Cultural no ano 1974.
O terceiro dos argumentos defendidos para o ingreso na CARP é que o Museo é o depositario dos fondos arqueolóxicos que se van descubrindo nos diferentes xacementos da provincia de Pontevedra (agás os procedentes da cidade de Vigo que van ao Museo Quiñones de León). Isto, unido á longa tradición de adquisición de materiais desde a mesma constitución da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, permite que conte cunha das mellores coleccións arqueolóxicas que permiten contextualizar axeitadamente a cultura material e as formas de vida das diferentes formacións sociais que crearon os petróglifos.
Finalmente, é de destacar que o Museo é un dos principais destinos turísticos da provincia de Pontevedra, polo que pode xogar un papel importante na promoción das visitas cara a outros sitios relevantes da provincia presentes nas súas coleccións.

Deja un comentario