+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O 91,5% DO ALUMNADO QUE PARTICIPOU NOS CURSOS DE ESPAÑOL PARA INMIGRANTES ORGANIZADOS POLA DEPUTACIÓN APROBOU O EXAME DELE A2


Esta proba é un requisito indispensable para que as persoas participantes poidan obter logo a nacionalidade española

Este ano a Deputación xa desenvolveu dous cursos, no que a maioría das persoas participantes foron mulleres, e organiza o terceiro en Vigo, cuxo alumnado se examinará os días 22 e 23 de novembro

O 91,5% das alumnas e alumnos que participaron este ano nos dous primeiros cursos de español para inmigrantes organizados pola Deputación de Pontevedra en Pontevedra e Vigo superaron a proba DELE A2 (Diploma de Español como Lingua Estranxeira, nivel A2). Precisamente, estas accións formativas promovidas pola institución provincial están encamiñadas á preparación do alumnado para examinarse desta proba, xa que é un requisito indispensable para que logo poidan obter a nacionalidade española. A Deputación subvenciona integramente o curso, incluíndo o custe da matrícula do DELE, e o Instituto Cervantes examinou ás persoas participantes o pasado 13 de setembro no Centro de Linguas de Vigo.

O alumnado que se examinou asistiu aos primeiros dous cursos que se celebraron este ano nas instalacións da Deputación en Pontevedra e Vigo. Nestas dúas accións participaron 40 persoas, a meirande parte mulleres, aínda que ao exame concorreron un total de 35 e superaron a proba 32 (por diversas circunstancias, especialmente laborais, 5 non puideron presentarse). A porcentaxe de aprobados é por tanto dun 91,5%, un dato que a institución considera especialmente positivo, xa que hai que ter en conta que as persoas que se presentan en moitos casos teñen que compatibilizar a formación e os estudos co seu traballo, así como cargas familiares sen apoio.

Nestes momentos, outras quince persoas están a rematar en Vigo o terceiro dos cursos programados este ano pola Deputación e prevese que se examinen do DELE A2 os vindeiros días 22 e 23 de novembro na Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo. En total, para os tres cursos presentáranse 132 solicitudes para as 60 prazas existentes.

No que atinxe aos países de procedencia, no caso do alumnado que fixo o curso en Pontevedra, a meirande parte proviña de Marrocos, aínda que tamén de Brasil, Rusia, Palestina e Ghana. En Vigo, a maioría das persoas participantes na primeira acción formativa foron de Senegal, seguidos dos de Marrocos, Brasil, Rusia, Ucraína, Angola e Irán, mentres que no último dos cursos a maioría de persoas é de Marrocos, seguido de cidadáns de Senegal e Nixeria.

A Deputación organiza estes cursos desde hai tres anos e as persoas destinatarias son inmigrantes en situación administrativa regular, maiores de 16 anos, que precisan preparar o DELE A2 para a obtención da nacionalidade española. Esta proba require unha preparación previa e ten un custo económico que dificulta o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, dificultando así o seu proceso de integración na provincia como cidadanía de pleno dereito e favorecendo procesos de exclusión social.

A través destas accións formativas, que se desenvolven nas instalacións do organismo provincial en Pontevedra e Vigo, a Deputación da apoio á consecución desta titulación á poboación de países ou territorios non hispanoparlantes, favorecendo o seu proceso de integración. Os cursos son impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo.

Deja un comentario