+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

Cultura e Educación inaugura o 13 de marzo a nova exposición do Museo Centro Gaiás dedicada á Orixe do Camiño de Santiago


‘Camiño. A Orixe’ descubre o xermolo do fenómeno da peregrinación cunha selección de 150 pezas que inclúe obras mestras de artistas como Durero ou Murillo e 11 intervencións artísticas de creadores da Facultade de Belas Artes

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugura o vindeiro venres 13 de marzo o novo proxecto expositivo do Museo Centro Gaiás: a mostra ‘Camiño. A Orixe’, un convite a descubrir o xérmolo, o inicio dun fenómeno que perdura ata os nosos días, o da peregrinación a Santiago.

A través dunha montaxe rotundamente contemporánea, ‘Camiño. A Orixe’ ofrece unha visión dese minuto un a través dunha selección de 150 pezas que inclúen obras mestras de grandes artistas como Alberto Durero ou Bartolomé Esteban Murillo e outros obxectos de alto valor cultural. A Galería Uffizi de Florencia, o Museo Cluny de Francia, o Museo del Prado, Patrimonio Nacional, Museo Lázaro Galdiano, os Museos de Belas Artes de Bilbao, Murcia, Córdoba e A Coruña e, por suposto, o Museo das Peregrinacións e de Santiago e a Catedral de Santiago e integran a ampla nómina de institucións que colaboración coa Cidade da Cultura nesta mostra.

A mostra complétase co proxecto ‘Lugares Xacobeos’, once intervencións artísticas realizadas por mozos creadores da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo coas que se busca establecer un diálogo entre o trazado medieval de Compostela e o da Cidade da Cultura ideado por Peter Eisenman. A eles súmanse os alumnos das Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia –Escola Pablo Picasso da Coruña, Escola Ramón Falcón de Lugo, Escola Antonio Failde de Ourense e Escola Mestre Mateo de Santiago- para a realización de deseños xacobeos exclusivos para a mostra, que estarán expostos na tenda do Museo Centro Gaiás durante os seis meses que a mostra permaneza aberta ao público.

Montaxe rompedora de Irisarri-Piñera
Dirixida por María García-Alén, ‘Camiño. A Orixe’ busca dar un paso máis na historia da peregrinación a Santiago, ofrecendo un novo discurso que bota a ollada atrás desde unha perspectiva contemporánea. Algo ao que contribúe decididamente o deseño de Irisarri-Piñera, que fai da montaxe unha nova intervención artística que converte o Museo Centro Gaiás nunha paisaxe, unha sorte de bosque galego polo que o visitante debe peregrinar para alcanzar a meta.

Irisarri-Piñera conciben a instalación como un deambular por unha paisaxe que remite á orixe de pescador de Santiago e na que o visitante se irá atopando, a través dun percorrido ordenado segundo a secuencia do relato, cunha especie de ‘capelas’, a modo de salas de exposición onde atopar as obras e recursos museográficos que compoñen a mostra.

Primeira semana de balde
‘Camiño. A Orixe’ desprégase polos andares 1 e 2 do Museo Centro Gaiás como un percorrido imaxinario que evoca o real. O visitante viaxa ao 820 d.C., cando o eremita Paio atopa a tumba do Apóstolo, e asiste a comunicación do achado ao bispo Teodomiro e ao traslado de toda a corte do rei Alfonso II o Casto á que co paso dos séculos sería a Compostela actual. Con ese punto de partida como fío condutor, a exposición ‘Camiño. A Orixe’ divídese en tres partes: Santiago o apóstolo, o Camiño e o Peregrino.

Tal e como se fixo coa súa predecesora, a exposición ‘Auga Doce’, este novo proxecto artístico pode levarse a cabo grazas ao patrocinio privado de empresas e institucións que se suman á Fundación Gaiás, que co seu apoio financeiro fai posible a programación cultural do Gaiás.

A exposición permanecerá aberta ao público do 13 de marzo ao 13 de setembro. A entrada durante a primeira semana será de balde, así como todos os domingos ata a súa clausura. Seguindo a política establecida pola Cidade da Cultura para as súas grandes exposicións, en ‘Camiño. A Orixe’ aplicarase unha fórmula mixta que combina entrada de pago con amplos beneficios para determinados colectivos.

Santiago, o Camiño, o Peregrino
‘Camiño. A Orixe’ comeza na figura de Santiago, o Apóstolo. Esta primeira etapa ofrece unha viaxe ao pasado, unha volta á orixe, á Palestina do século I d.C, co obxectivo de desvelar quen foi o personaxe, o mito, o santo. Como viviu, como actuou, que o levou a converterse nunha lenda. Un sobrecolledor retrato de Santiago Apóstolo de Durero, procedente da Galería Uffizi de Florencia, brilla con forza propia nesta primeira parte dedicada á iconografía xacobea, nun espazo onde conviven obras mestras como o Apóstol Santiago de Murillo con pezas que destacan polo seu valor cultural.

A viaxe continúa a través do Camiño, partindo da tumba cos restos do Apóstolo e o desenvolvemento de Compostela ao redor del. Esta segunda parte da exposición descúbrenos o inicio da rede viaria e das estruturas de apoio aos peregrinos por parte da monarquía e das institucións relixiosas como a Orde de Santiago, representada na exposición a través de varios retratos como o de Francisco de Quevedo realizado no taller de Velázquez. O Gallardete de Lepanto, que ondeaba na Nao Capitana durante a Batalla de Lepanto, despregarase por primeira vez para lucir os 17 metros de tela pintada ao temple xunto a outras pezas artísticas que enriqueceron o patrimonio eclesiástico ao longo da ruta.

O percorrido remata no propio Peregrino, cunha última etapa de carácter máis intimista, que fai referencia especial aos símbolos do camiñante. A cuncha, o bordón, o sombreiro protagonizan esta terceira parte na que teñen un peso moi importante os relatos e vivencias persoais da peregrinación. De feito, a exposición péchase co audiovisual ‘A marca do Camiño’, realizado pola produtora Miramemira, que nos permite afondar nos sentimentos dos peregrinos á súa chegada á meta.

Exposición solidaria
Como xa fixera con ‘Auga Doce’, a Cidade da Cultura colabora a través de ‘Camiño. A Orixe’ cun proxecto de integración social. Neste caso trátase de DisCamino, unha iniciativa que trata de facer realidade o soño de persoas con diferentes discapacidades de peregrinar a Santiago. Desde 2010, son moitos os camiños realizados en vehículos adaptados.

Neste 2015, tres aventureiros percorrerán a Ruta da Plata en dous triciclos adaptados e guiarán e acompañarán aos membros do Centro de Atención Integral Personalizada (AIP) de Bóveda (Lugo) na súa peregrinación en cadeiras de rodas polo Camiño Portugués.

‘Camiño. A Orixe’ conta cun coidado catálogo de 320 páxinas deseñado por Branca Pol nunha dobre edición: galego-castelán e inglés-portugués. O catálogo conta cos ensaios de Segundo L. Pérez López, deán da Catedral de Santiago; Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral; Bieito Pérez Outeiriño, director do Museo das Peregrinacións de Santiago; e Rafael Sánchez Bargiela, director-xerente da S.A. da Xestión do Plan Xacobeo; todos eles membros do comité de asesoramento da exposición, ademais doutras aportacións claves para entender o fenómeno da peregrinación como o de Juan M. Monterroso, decano de Historia da Arte da Universidade de Santiago e asesor artístico da mostra.

Actividades de dinamización
‘Camiño. A Orixe’ levará aparellada un programa didáctico con actividades vencelladas coa evolución da cidade de Santiago, da súa propia Historia e da arte a través das obras que integran a exposición, xunto cunha serie de actividades coas que achegar a mostra a todos os públicos.

Visitas didácticas para escolares combinaranse con visitas especialmente deseñadas para gozar en familia, experiencias lúdicas no Museo Centro Gaiás, conferencias nas que se profundará nos contidos da exposición, ou obradoiros científicos e lúdicos.

Deja un comentario