+034 986 09 02 04 Mércores 15 de Xullo de 2020

A XUNTA COLABORARÁ NA MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA DO ALUMEADO PÚBLICO EN VARIOS NÚCLEOS DO CONCELLO DE CRECENTE


A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o municipio
A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o concello de Crecente, xunto co alcalde do municipio, Julio César García-Luengo. A Xunta e o concello colaboran na mellora da eficiencia enerxética do alumeado público en varios núcleos de Crecente.

O Goberno galego levará a cabo actuacións para acadar un aforro enerxético e ambiental nos núcleos de Coedros, Serra e Cazapal. Para reducir os custos de consumo instalaranse lámpadas de maior vida útil, equipos auxiliares de mellor calidade e luminarias de nova xeración. Así, colocaranse 20 novas lámpadas de tecnoloxía LED en Coedros, outras 24 en Serra e 11 en Cazapal, que sustituirán ás actuais de vapor de mercurio. Ademais, instalaranse caixas de fusibles en cada novo punto de luz, así como reloxes astronómicos e proteccións de intensidade para tormentas onde sexa necesario.

A Xunta e o Concello de Crecente tamén cooperan en actuacións para mellorar o acceso aos núcleos de Framilo e Portela.
Durante a súa visita, Marta Fernández-Tapias, destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local, xa que os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns e son a administración máis próxima á cidadanía e, por tanto, a que mellor coñece as necesidades dos seus veciños.
Asociación Cultural Amistade de Rebordechán

A directora xeral de Administración local tamén visitou hoxe o espazo que acollerá o local social da Asociación Cultural Amistade na parroquia de Rebordechán. A Xunta colabora con esta organización para a execución dos recercados e a colocación da carpintería exterior do edificio que se construirá no lugar de Pazo como centro de reunión dos veciños.

O proxecto inclúe os recercados en pedra granítica para os ocos da fachada onde se colocarán ventás e portas abatibles en aluminio lacado, e o acristalamento térmico e acústico con dous vidros impresos incoloros. Ademais, o Goberno galego dotará de medios necesarios ás dependencias destinadas ao local social para mellorar a calidade de atención aos usuarios.

A colaboración da Xunta estendese a outras organización do concello como a Asociación Veciñal de Lobariñas e a Asociación de Veciños Ribadil de Vilar, onde o Goberno galego apoiará a construción dun asador e a adquisición de equipamento.

Marta Fernández-Tapias destacou o compromiso do Goberno galego coas asociacións veciñais para acometer proxectos que benefician ao conxunto da poboación e contribuír a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza, xa que todas estas organizacións traballan moi apegadas á cidadanía e ás súas demandas.

Deja un comentario