+034 986 09 02 04 Xoves 12 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN LANZA UNHA NOVA LIÑA DE AXUDAS PARA QUE OS ‘CONCELLOS REVITALIZA’ POIDAN CONTRATAR MESTRAS E MESTRES COMPOSTADORES


O vindeiro martes apróbanse 503.603,10 euros en subvencións para financiar persoal municipal destinado a labores de compostaxe
A Deputación de Pontevedra vai poñer a disposición dos concellos adheridos ao Plan Revitaliza máis mestras e mestres compostadores cos que poder desenvolver o modelo de xestión de lixo baseado na compostaxe. Segundo adiantou o vicepresidente César Mosquera, a Xunta de Goberno aprobará o vindeiro martes 503.603,10 euros en axudas para contratar novo persoal que xestionará os centros de compostaxe comunitaria, revisará e controlará os composteiros individuais, e atenderá e informará á cidadanía sobre a compostaxe.
Trátase da segunda vez que a Deputación facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial, tendo outorgado na primeira convocatoria axudas para contratar trece postos técnicos. Nesta ocasión, e tralas consultas previas e mediante estudos de campo realizados polo persoal técnico provincial, estímase que as necesidades de persoal nos concellos quedarían cubertas cun máximo de 21 novos mestres compostadores.
Eses postos cubriranse con persoal preparado en compostaxe. Chamarase en primeiro lugar ás persoas candidatas que forman parte da vixente bolsa de emprego creada no seu día para o nomeamento interino do persoal Revitaliza, mais simultáneamente, convocarase un novo proceso selectivo por parte da Deputación para crear outra bolsa de emprego.
Os concellos que soliciten as axudas para contratar mestras e mestres compostadores recibirán un número máximo de traballadores (entre 1 e 4) que se determinará en función da poboación, do número de unidades modulares de compostaxe, e centros de compostaxe comunitaria en funcionamento no municipio, así como das necesidades determinadas polo grao de implantación do plan, intentando cubrir deste xeito as necesidades reais de persoal.
Ao igual que na anterior convocatoria, a Deputación subvencionará aos concellos o 100% das retribucións dos mestres e mestras compostadoras o primeiro ano. Tendo en conta os prazos para a tramitación do expediente, a subvención correspondente ao ano 2020 abarcará un período de 10 meses, polo que o importe máximo do financiamento nesa anualidade ascenderá á cantidade de 503.603,10 euros. O segundo ano a Deputación farase cargo do 50% do custe e o terceiro ano do 30%.
O prazo para presentar as solicitudes dos concellos será de dous meses a contar dende o día seguinte á publicación das bases e do extracto no BOPPO.
Na actualidade son un total de 43 concellos da provincia os que están adheridos ao Revitaliza: as últimas incorporación foron as dos concellos de Marín, Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Guarda, Poio, Portas e Vila de Cruces. Os concellos máis avanzados na implantación do modelo son Vilaboa, Pontevedra, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, e O Grove, aos que seguirán Illa de Arousa, Poio, Tomiño e Valga, xa que desenvolverán o sistema de compostaxe mediante centros comunitarios e composteiros individuais de forma progresiva en breve.

Deja un comentario