+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PRESENTA ALEGACIÓNS AO ANTEPROXECTO DA XUNTA DE GALICIA DA “SOGAMA DA AUGA”


 

O goberno considera que a Xunta pretende volver a atribuír unha competencia impropia a Deputacións e Concellos vulnerando de novo a autonomía local

Carlos Font critica que “de xeito unilateral anuncien unha empresa de xestión hidráulica na que se reservan toda a capacidade de decisión mentres obrigan aos entes locais a financiar os investimentos. A Xunta decide e os concellos pagan”

O goberno da Deputación de Pontevedra remitiu á Xunta de Galicia as alegacións ao Anteproxecto da Lei de Creación da Sociedade para a xestión do ciclo integral da Auga, S.A, co que en palabras do deputado Carlos Font “a Xunta de Galicia, de xeito unilateral, pretende atribuír as Deputacións galegas unha nova competencia impropia, consistente na participación directa na xestión do abastecemento domiciliario de auga e no saneamento, vulnerándose outra vez a súa autonomía recollida na constitución”.
O voceiro do grupo provincial socialista sinalou que “logo de 10 anos sen políticas da auga e ante o incumprimento das directivas europeas e a lexislación en materia de abastecemento e depuración, o goberno da Xunta anuncia a creación dunha sociedade mercantil pública autonómica rexida polo dereito privado, cun capital social repartido en forma de accións, na que Deputacións e Concellos serían socios minoritarios, sen poder ningún”. Para Font “a Xunta o que pretende é montar unha empresa de xestión hidráulica reservándose toda a capacidade de decisión, mentres obriga a concellos e deputacións a financiar os investimentos, a razón dun terzo por cada parte. É dicir: a Xunta decide e os concellos pagan”
O deputado provincial sinalou que “por enriba”, no propio anteproxecto se recolle que o terzo que lle corresponde á Xunta se abonaría con cargo ao canon de saneamento que os concellos xa teñen a obriga de cobrar ás veciñas e aos veciños. “Así pois, dixo Font, a Xunta financiaría o seu terzo con ese canon de saneamento e obrigaría aos concellos a pagar por partida dobre: pola vía do canon a veciñanza e pola das obras financiadas con recursos propios”. “Esta lei, subliñou, é un novo despropósito desta Xunta tan dada a centrifugar competencias sen acompañalas dos debidos recursos, e neste caso co agravante de que o goberno galego usará o canon de saneamento que debía destinarse aos concellos a cubrir as súas obrigas”
Carlos Font engadiu que con este anteproxecto “tampouco se ten en conta que a Deputación de Pontevedra (ao igual que as outras dúas Deputacións progresistas) destina ata o 30% dos seus recursos a transferencias aos municipios, fundamentalmente co Plan Concellos, aportando así un importe suficiente para acometer actuacións en materia de augas nos municipios que o consideren necesario”,
Nas alegacións presentadas ao Anteproxecto de Lei, o goberno da Deputación de Pontevedra argumenta tamén que “no documento non existe explicación, estudio, proxecto de estatutos da sociedade, anteproxecto de explotación, informe ou análise nos que se poda comprobar a concorrencia dos requisitos necesarios para a creación da chamada Sogama da Auga, nin a súa viabilidade ou sustentabilidade”

Deja un comentario