+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

Igualdade adianta ao sábado os actos conmemorativos do 8M, Día Internacional da Muller Traballadora


Ramona Castaño recibirá o recoñecemento do Consello Local da Muller no acto central da Praza de Galicia

A Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) en colaboración co Consello local da Muller decidiron este ano adiantar un día a conmemoración do 8M Día Internacional da Muller Traballadora. Por iso, os actos programados desenvolveranse o sábado, 7 de marzo, xornada na que se celebrará a maratón fotográfica e no que no acto central da Praza de Galicia se recoñecerá a labor en defensa dos dereitos da Muller realizada durante anos por Ramona Castaño.

O epicentro da celebración será a Praza de Galicia. Os actos comezarán ás 12.30 horas coa lectura do manifesto elaborado polo Consello Local da Muller e aprobado polo Pleno da Corporación Municipal. Nese mesmo acto recibirá a homenaxe do Consello Local da Muller, Ramona Castaño, activista incansable na loita pola igualdade de xénero e dos dereitos das mulleres, tanto dende a súa labor durante os anos que exerceu como concelleira, como dende diversos colectivos dos que formou parte.
O acto na Praza de Galicia rematará cunha solta de globos morados que se ofrecerán ao público para que, o que o desexe, escriba nel o nome dunha muller que considere importante.

Por outro lado, dúas horas antes dará comezo en Carril a VII Exposición Fotográfica pola Igualdade de xénero. O certame segue contando co interese do público xa que a inscrición nesta edición supera os trinta participantes. Como establecen as bases, os concursantes deberán ilustrar no día as diferentes temáticas que se lles indicarán ao inicio da proba. As tres mellores imaxes serán premiadas con 200 euros.

Deja un comentario