+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A QUINTA EDICIÓN DO PROGRAMA “EN RUTA COA DEPO” OFERTARÁ O ANO QUE VEN 20.000 PRAZAS E 32 RUTAS


A institución provincial dedicará no 2020 un orzamento de 417.600 euros a esta iniciativa, o maior presuposto destinado ata agora

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe as bases reguladoras do programa “En Ruta coa Depo para o vindeiro ano 2020. Trátase da quinta edición desta iniciativa da institución provincial, que está dirixida a entidades sen ánimo de lucro e busca ofrecer alternativas de convivencia, ocio e tempo libro para os distintos colectivos sociais da provincia.

Este ano “En Ruta coa Depo” incrementa o seu orzamento ata os 417.600 euros, o maior destinado ata agora no programa (52.000 euros máis que na actual edición deste ano), e ofrecerá un total de 20.000 prazas e 32 rutas por lugares emblemáticos da provincia, divididas en itinerarios temáticos, culturais, marítimos, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais. Os percorridos dos 32 itinerarios mantense con respecto a actual edición, aínda en marcha.

A través deste programa, a Deputación de Pontevedra quere dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, e tamén promover os valores máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, poida sentirse orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno. Amais, a iniciativa busca crear espazos de unión e convivencia, a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional.

Máis polo miúdo, o contido do programa consiste en pasar un día de convivencia nun dos itinerarios escollidos na provincia, mediante acompañamento dun guía de turismo especializado, e inclúe xantar e transporte. De acordo ás bases, as entidades sociais da provincia de Pontevedra poderán solicitar, por orde de preferencia, tres rutas das 32 propostas, sinalando o mes e o día da semana preferidos para a súa realización. Cada participante achegará a cantidade de 13,50 euros, que incluirá o desprazamento de ida e volta en autobús desde os puntos marcados nos seus concellos, a visita guiada e o xantar. Amais, haberá 400 prazas de balde para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social.

Esta é a quinta edición deste programa e o orzamento e a participación no programa foi medrando desde a primeira do 2016, que contaba con 23 rutas. No caso do presuposto, dos 238.500 euros daquel ano pasouse neste 2019 a 365.000. E, no que se refire á participación, nesa primeira edición fixeron as rutas 18.676 persoas, mentres que o ano pasado foron adxudicadas 19.814 prazas. Neste 2019 o programa ofertou 20.000 prazas, cun investimento de 365.000 euros, e aínda se están a desenvolver as xornadas. Así, o pasado mes de outubro adxudicouse a terceira quenda dos itinerarios, da que se beneficiarán 1.188 persoas de 18 entidades pertencentes a 14 concellos da provincia.

Deja un comentario