+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

A ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNES XUNTO COA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA EL CÁNCER PRESENTARON O CARRIÑO DON AMABLE NO HOSPITAL PROVINCIAL


Voluntariado da AECC percorrerá dependencias do servizo de Oncoloxía pontevedrés ofrecendo a pacientes e familiares publicacións de lectura, bebidas e alimentos autorizados polo persoal do Hospital de Día Oncohematolóxico
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, en colaboración coa Asociación Española contra el Cáncer -AECC- en Pontevedra, presentaron hoxe no Hospital Provincial o servizo de Carriño Don Amable, unha iniciativa solidaria e gratuíta que será coordinada desde esta asociación e atendida polo seu voluntariado en dependencias do servizo de Oncoloxía pontevedrés.

Deste xeito, de luns a venres en horario de 10.30 a 13 horas e os venres pola tarde de 16.30 a 18.30 horas, voluntariado da Asociación Española contra el Cáncer percorrerá co Carriño Don Amable esta área do Hospital Provincial ofrecendo publicacións de lectura, bebidas e alimentos autorizados polo persoal asistencial no Hospital de Día Oncohematolóxico do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, favorecendo unha maior calidade de vida aos pacientes oncolóxicos e as súas familias. Tamén informarán a doentes e familiares sobre os programas e servizos gratuítos da AECC, escoitándolles e ofrecendo axuda.

O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez Fernández -quen estivo acompañado polos oncólogos do Hospital Provincial Cristina López Jato e Francisco R. García Arroyo, xunto con outros responsables sanitarios- sinalou que este proxecto solidario de colaboración está presente en tres hospitais da provincia: no Hospital Provincial de Pontevedra, no Hospital do Meixoeiro e no hospital de Día do Álvaro Cunqueiro en Vigo, permitindo maior apoio ás persoas que loitan contra o cancro e aos seus máis achegados.

Importante aportación solidaria
José Ramón Gómez Fernández incidiu na importante aportación solidaria dos programas da AECC ao Sistema Sanitario Público da comarca. Na súa intervención, o responsable sanitario subliñou que Galicia é unha das Comunidades Autónomas españolas con maior voluntariado -7.700 voluntarios activos, un 35% máis que no ano 2016- dos que 6 de cada 10 son mulleres. “A suma da vocación dos profesionais sanitarios e a vocación do voluntariado pode cambiar o mundo. É importante fomentar esta actitude solidaria entre a poboación” matizou.

Pola súa banda, as responsables da Asociación Española contra el Cáncer en Pontevedra Carmen Abeledo e Carmen García agradeceron hoxe no Hospital Provincial a longa e satisfactoria colaboración do seu colectivo co Servizo Galego de Saúde en diversos programas de voluntariado, acompañamento de pacientes e iniciativas de humanización de espazos na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Deja un comentario