+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA FAI ENTREGA DOS DIPLOMAS DO CURSO DE ALFABETIZACIÓN QUE ORGANIZA POR TERCEIRA VEZ XUNTO A RADIO ECCA


 

O curso de español para persoas inmigrantes ou en risco de exclusión social ten por obxectivo impartir a formación necesaria para presentarse ao exame DELE

A deputada de Cohesión Social, Olga García, e o tamén deputado provincial Carlos López Font acompañaron ás persoas que hoxe recibiron da man da Deputación de Pontevedra os diplomas de curso de alfabetización que organiza a institución provincial xunto a Radio Ecca Fundación Canaria.

As persoas beneficiarias da terceira edición do curso eran persoas inmigrantes ou en risco de exclusión social, maiores de idade e residentes no concello de Vigo. En concreto, este 2019 acolleu a persoas de oito nacionalidades diferentes. O proxecto consistiu no desenvolvemento dunha acción formativa centrada na alfabetización, post-alfabetización e a orientación laboral.

Antes do acto de entrega de diplomas, Carlos Font felicitou ás persoas presentes e mostrouse encantado polo proxecto, “xa que na Deputación de Pontevedra sabemos da relevancia da educación e creemos que hai que acoller como merecen a todas aquelas persoas que chega de fóra de España”. O deputado provincial insistiu en que “este curso é moi importante para construír unha sociedade mellor e axudar no seu futuro a persoas que non tiveron as oportunidades que merecían, España e a nosa provincia somos territorios solidarios que queremos recibir as persoas inmigrantes do mesmo xeito que fomos tratados cando tivemos que emigrar”.

Esta iniciativa ten como obxectivo facilitar unha formación básica ás persoas inmigrantes ou en risco de exclusión, ao tempo que axudalas e orientalas no mercado laboral. Así, grazas a este proxecto, persoas inmigrantes poden acadar gratuitamente a formación necesaria para presentarse ao exame DELE imprescindible para obter a nacionalidade española.

Durante o acto, o deputado provincial tamén aproveitou para “felicitar a Radio Ecca pola labor que realizan diariamente e agradecerlles a posibilidade de organizar xunto a eles e elas unha nova edición destes cursos que son de tanto valor para a nosa sociedade”.

Deja un comentario