+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

OS BARES DE MOS, ESPAZOS LIBRES DE MACHISMO


Cun ciclo de monólogos sobre igualdade continúan as políticas transversais para converter ao mosense nun municipio pioneiro nesta materia

Ao longo do presente mes de novembro e con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra o día 25 deste mes, Mos acolle en diferentes locais do municipio o monólogo sobre igualdade titulado ‘Ler o prospecto antes de …’ a cargo do artista Hermen&Gildo con entrada libre ata completar o aforo.

Esta actividade, organizada polo Concello de Mos (a través do CIM), está dentro do Programa de Sensibilización, Información e Difusión sobre a Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero, da Secretaría Xeral da Igualdade, quen a subvenciona en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

Nos locais nos que se realizarán os monólogos repartiranse ademais uns posavasos co lema da iniciativa, ‘Espazo libre de machismo’, co obxectivo de que os bares mosenses sexan lugares nos que non se produzan conductas, comentarios e/ou situacións machistas.

A iniciativa foi presentada hoxe en Casa Paz pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e pola concelleira mosense de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, xunto co tenente alcalde, Camilo Augusto, o monologuista Hermen&Gildo, a psicóloga municipal e directora do CIM de Mos, a xurídica do CIM (Centro de Información á Muller); ademais de persoal e clientela do bar.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, informaron de que o ciclo comezará o vindeiro venres 8 de novembro ás 22.00 horas no local de San Franco en Dornelas. O sábado día 9 haberá dous pases, un ás 13.00 horas na Tapería Lano en Pereiras e outro ás 21.00 horas en O Cabaliño, en Guizán. O venres 15 de novembro a cafetería do Centro Dotacional de Torroso será esceario deste espectáculo de prevención e concienciación ás 20.30 horas. O sábado 16 ás 22.00 horas será o turno de Barmando en San Eleuterio, e o domingo 17 pase matinal e vespertino en La Reina (Petelos) ás 13.00 horas e en Casa Paz na Estrada Nacional 550 na parroquia de Mos ás 16.00 horas, respectivamente. O venres 22 de novembro ás 21.00 horas a actividade chegará ao Bar Maceira en Sanguiñeda. O sábado día 23 ás 22.00 horas haberá pase en La Cabaña de Guerri en Louredo. O venres 29 Hermen&Gildo actuará ás 20.30 horas no Bar San Franco (Soriano) de Dornelas e ás 22.30 horas en O Angar en Peinador. O ciclo rematará o sábado 30 ás 22.00 horas en O Alternativo en Sanguiñeda.

Este ciclo de monólogos forma parte da política transversal baseada no compromiso municipal coa Xunta de Galicia consistente no fomento de dúas liñas formativas: en igualdade e en prevención da violencia de xénero. Esta política transversal abrangue todas e cada unha das iniciativas e actividades municipais organizadas, tanto en materia de formación e emprego, como musicais, culturais, de ocio, deportivas… Tal é o caso deste ciclo de monólogos que pretende formar en igualdade, a través do humor e dun espectáculo distendido e divertido, de xeito que se estea a concienciar á clientela dos bares participantes dun xeito lúdico, mentres o pasan ben durante o seu tempo de lecer.

“Con este tipo de políticas transversais pretendemos que o Concello de Mos se convirta nun municipio pioneiro en materia de igualdade”, destacaron a alcaldesa e a concelleira, Arévalo e Cebreiro, quenes consideran que “é crucial traballar para promover a igualdade, coa que este goberno local ten adquirido un firme compromiso”.

Deja un comentario