+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019

A XUNTA AVOGA POR VISIBILIZAR O TRABALLO DAS MULLERES E APOIAR A SÚA CAPACIDADE DE EMPRENDEMENTO


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á primeira xornada do IV Congreso Empresarias Galicia
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na primeira xornada do IV Congreso Empresarias Galicia, a necesidade de visibilizar e recoñecer o traballo das mulleres, así como apoiar a súa capacidade emprendedora. Nesta liña, sinalou que é preciso potenciar o empoderamento das mulleres empresarias e emprendedoras con medidas que contribúan a visibilizar o seu traballo.

Alfonso Rueda incidiu en que as mulleres empresarias que apostan por emprender son referentes para moitas outras e marcan o camiño a seguir polas futuras xeracións. Ademais, resaltou a importancia do liderado feminino no ámbito empresarial porque permite crear riqueza e xerar postos de traballo nos seus negocios.

A Xunta avoga por garantir a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral e impulsar a capacidade de emprendemento das mulleres, ademais de fomentar a súa presenza e participación nos ámbitos de decisión de todas esferas da sociedade.

O Goberno galego apoia o empoderamento económico a través de medidas como o programa Emega destinado precisamente a promover o emprendemento feminino mediante o financiamento da posta en marcha de iniciativas empresariais innovadoras e competitivas constituídas por mulleres. Este ano beneficiáronse deste programa 161 proxectos, que suman un total de 700 financiados na última década e máis de 1.275 empregos creados neste período.
Estas axudas están dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais creadas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como para ter acceso a servizos de acompañamento, asesoramento e tutorización co fin de implantar os seus proxectos. O obxectivo da iniciativa é que as mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo.

Deja un comentario