+034 986 09 02 04 Venres 30 de Outubro de 2020

O concello de Ponte Caldelas convoca unha nova edición dos Concursos de Carteis e Fotografía para A «Festa Da Troita 2015»


O prazo de presentación de obras aos respectivos concursos permanecerá aberto ata o 7 de abril

O Concello de Ponte Caldelas mantén aberto ata o 7 de abril a convocatoria para unha nova edición dos concursos de Carteis e Fotografía, con motivo da celebración da «XLIX Festa dá Troita», que terá lugar o fin de semana do 30 e 31 de maio e que manterán a contía económica de pasadas edicións.
Dentro das actividades programadas en torno á «Festa da Troita», o Concello de Ponte Caldelas convoca o XIV Concurso de Carteis e o XIV Concurso de Fotografía co fin de promover a 49 edición desta festa declarada de interese turístico.
Polo que respecta ao XIV Concurso de Carteis estará dotado cun premio único de 400 euros para o gañador do certame que ten como obxecto seleccionar o motivo anunciador da XLIX «Festa da Troita» de Ponte Caldelas e a el poderán concorrer artistas e deseñadores nacionais e internacionais. Este cartel servirá de base de todo o traballo de promoción e divulgación da imaxe que lucirá a presente edición deste evento que goza do distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia.
Cada concursante poderá presentar un máximo de dúas obras, inéditas, de técnica libre e o prazo de admisión dos traballos manterase aberto ata o 7 de abril de 2015 ás 14 horas. Os traballos presentaranse de luns a venres nas oficinas da Casa do concello de Ponte Caldelas, en horario de 9 a 14 horas.
Co fin de que poidan ser consultadas, as bases encóntranse xa expostas na páxina web do Concello (www.pontecaldelas.org), así como o mecanismo que rexerán os distintos concursos, así como a actuación dos xurados encargados de ditaminar a presente edición destes prestixiosos certames.

O Concello está moi satisfeito co nivel dos carteis presentados os últimos anos dende que se celebra este concurso. Ademais da calidade dos carteis premiados conseguiuse que a imaxe da Festa da Troita chegue a fóra de Galicia, xa que se presentan sempre obras doutras zonas de España, o que dá mostras da súa difusión. Como exemplo o gañador da última edición era un deseñador gráfico de Murcia.
Pola súa banda, o Concurso de Fotografía pretende conseguir unha maior difusión e promoción turística da Festa da Troita a través da imaxe plástica recollida polos distintos dispositivos capturadores de instantáneas relacionadas co propio evento festivo, o municipio, os labores tradicionais, as xentes, así como o concepto e carácter sostible desta.
Cada concursante poderá presentar un máximo de dúas fotografías a cor ou en branco e negro, en brillo ou mate, cun tamaño mínimo de 15 x 20 centímetros. Non se aceptarán aquelas fotografías que fosen manipuladas por ordenador. Os traballos deberán ser presentados nas oficinas municipais antes das 14 horas do martes 7 de abril.
Así mesmo as fotografías concursantes pasarán a formar parte do arquivo fotográfico do Concello de Ponte Caldelas co fin de que poidan ser utilizadas, se fose o caso, para a promoción turística do municipio. Este certame conta con tres premios dotados cunha cuantía económica de 300, 200 e 100 euros, respectivamente, para o primeiro, segundo e terceiro clasificados.

Deja un comentario