+034 986 09 02 04 Luns 09 de Decembro de 2019

GALICIA E BULGARIA INTERCAMBIAN EXPERIENCIAS SOBRE A XESTIÓN DAS EMERXENCIAS NO CIAE 112 GALICIA


O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, mantivo esta mañá no 112 Galicia un encontro con responsables do 112 Bulgaria
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia acolleu hoxe aos responsables do seu servizo homónimo en Bulgaria nunha xornada que buscou transcender as fronteiras entre ambos para intercambiar experiencias acerca do uso das novas tecnoloxías no eido das emerxencias.

Así, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, e o subdirector xeral de Relacións coa Unión Europea, Fernando Souto Iglesias, foron os encargados de recibir nas instalacións da Estrada á delegación búlgara, que se mostrou interesada pola coordinación dos medios galegos en situacións de emerxencia transfronteirizas, ademais de compartir ideas sobre a mellora nos tempos de resposta dos distintos equipos de intervención en circunstancias adversas.

Os responsables do 112 Bulgaria tiveron a oportunidade de coñecer de preto os recursos cos que conta a Axega, como son o equipo de drons e demais vehículos especializados do Grupo de Apoio Loxístico. Este achegamento permitiu discutir a importancia da integración das novas ferramentas de transmisión da información dentro dos sistemas de emerxencia para mellorar a capacidade de reacción ante a toma de decisións.

Deja un comentario