+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

A XUNTA CONSIDERA FUNDAMENTAL FOMENTAR A PARTICIPACIÓN DAS MULLERES EN POSTOS DE RESPONSABILIDADE NO ÁMBITO LABORAL


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto oficial do IV Congreso Empresarias Galicia
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, resaltou hoxe, no acto oficial do IV Congreso Empresarias Galicia, a necesidade de fomentar a participación das mulleres en condicións de igualdade en postos de responsabilidade, executivos e directivos nos distintos eidos laborais, co obxectivo de reforzar o liderado e o empoderamento das mulleres. Con esta visibilización considera que se abren camiños ás nenas e mozas para que tomen conciencia da importancia do talento feminino para o desenvolvemento dunha sociedade xusta e igualitaria.

López Abella destacou o traballo de Empresarias Galicia na promoción e a visibilización da muller emprendedora. Nesta liña, indicou que un dos obxectivos estratéxicos do Goberno galego é fomentar a presenza e o liderado feminino nos ámbitos de decisión e influencia das estruturas sociais, políticas, económicas e sociais.

A Xunta avoga pola posta en marcha de medidas a prol da igualdade entre mulleres e homes sen que existan diferenzas por razón de xénero no desenvolvemento persoal e profesional en distintos ámbitos da vida. O Goberno galego aposta ademais por promover a creación de postos de traballo para as mulleres e o emprendemento feminino mediante apoio a proxectos innovadores.

Para contribuír a que a presenza das mulleres no ámbito laboral sexa plena, a secretaria xeral da Igualdade sinala a necesidade de traballar na conciliación da vida persoal, familiar e laboral e na corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar.
O IV Congreso Empresarias Galicia aborda modelos de xestión en equipos, empresas e proxectos que permitan analizar a imaxe da muller líder e como exercer ese liderado con perspectiva de xénero co obxectivo de favorecer o seu empoderamento. A Xunta colabora por cuarto ano consecutivo nesta iniciativa e conta ademais cun espazo informativo dos seus proxectos e actuacións relacionadas co emprendemento feminino como o programa Emega, así como de medidas e plans que apostan pola conciliación e a corresponsabilidade, contra o acoso sexual no ámbito laboral e na loita contra a violencia de xénero.

Deja un comentario