+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

ALCALDÍAS DE AMBAS BEIRAS REÚNENSE EN VALENÇA PARA TRABALLAR CONXUNTAMENTE NO PLAN DE MOBILIDADE SUSTENTABLE DO RÍO MIÑO


Os concellos e cámaras participantes poderán facer as súas achegas técnicas ata o 30 de novembro

O Plan propón un total de 22 medidas, ao redor de sete liñas de actuación, entre elas: a mellora dos desprazamentos en modos non motorizados, o transporte público, a mobilidade reducida ou medidas medioambientais

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, reuníuse onte en Valença cos alcaldes e alcaldesas dos municipios do territorio para avanzar no desenvolvemento do Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo (PMST) e coñecer as súas impresións sobre o mesmo.

“Todos os axentes políticos do territorio temos moito que dicir e precisamos cohesión nas demandas para o territorio dos dous Estados”, sinalou Uxío Benítez, que remarcou o carácter multidisciplinar das problemáticas relacionadas coa mobilidade transfronteiriza. O Plan, que se atopa en fase de redacción, incorporará as achegas dos equipos técnicos dos concellos e cámaras ata o 30 de novembro, e será presentado oficialmente a principios do 2020.

A xuntanza, presidida polo deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, contou coa presencia do presidente da Cámara de Caminha, a alcaldesa de Tomiño, o alcade de A Guarda, a alcaldesa do Rosal, os presidentes das Cámaras de Paredes de Coura, Valença, Monçao, o alcalde de As Neves, os presidentes das Cámara de Vilanova de Cerveira e Melgaço, os alcaldes de Mondariz, A Cañiza e Salvaterra, o técnico do CIM-Alto Minho e os representantes do AECT Rio Minho Antonio Torras e Lois Pérez Castrillo.

Os alcaldes remarcaron a necesidade de apostar de xeito cooperativo, a curto e longo prazo, por un proxecto de mobilidade que preste atención a particularidades do territorio relacionadas co crecemento Camiño de Santiago, o transporte de mercadorías ou os movementos de traballadores a través da fronteira.

 

O Plan de Mobilidade

O Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo ten por obxectivo implantar formas de desprazamento máis sostibles logrando, ao mesmo tempo, garantir a conectividade real do territorio cos principais nodos de atracción.

O Plan propón un total de 22 medidas, en torno a sete liñas de actuación, centradas na mellora dos desprazamentos en modos non motorizados, do transporte público, da mobilidade de persoas de mobilidade reducida; do transporte a grandes áreas e centros receptores de viaxes, da seguridade viaria, medidas medioambientais e outras actividades de mobilidade.

O Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo aposta por situar ás persoas no centro da planificación dun extenso territorio: a fronteira ibérica máis transitada e a que ten un maior fluxo de vehículos de media (47%) entre España e Portugal. Abrangue máis de 3.300 km2 de territorio, inclúe a 26 municipios galegos e portugueses e a unha poboación de ao redor de 376.000 persoas. Con este Plan podería iniciarse un camiño de mellora da mobilidade sustentable entre ambas beiras do Río Miño.

Smart Minho

O Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento total de 942.022,47 euros.

Deja un comentario