+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

A XUNTA DESTACA O COMPROMISO DA AGASP COA FORMACIÓN DOS EFECTIVOS DAS FORZAS E CORPOS DE SEGURIDADE EN GALICIA


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe aos 120 efectivos da Garda Civil de Tráfico que cursan o módulo relacionado coa actuación operativa na Academia Galega de Seguridade Pública
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe aos 120 axentes da Garda Civil de Tráfico que se están a formar na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), onde destacou o compromiso da Academia coa formación permanente e actualizada dos efectivos das forzas e corpos de seguridade do Estado destinados en Galicia. Á xornada formativa tamén asistiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e a subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba.

En concreto, no curso de hoxe os axentes participantes, procedentes das catro provincias galegas, realizaron prácticas de controis de tráfico para completar a formación teórica recibida na Agasp sobre o módulo de actuación operativa. Estas prácticas lévanse a cabo no recinto Feiral da Estrada, grazas á cesión das instalacións por parte do concello.

Máis de 800 axentes da Garda Civil de Tráfico completan cada trimestre na sede da AGASP a súa formación interna, que está dividida en catro ciclos de tres meses cada un. Así, os alumnos cursan módulos relacionados coa seguridade viaria, o dereito procesual e penal, a cultura da seguridade, ademais do que se celebrou hoxe relacionado coa actuación operativa. Este último módulo prolongarase ata finais de ano e inclúe contidos sobre a intervención operativa específica e os primeiros auxilios a vítimas de sinistros de tráfico.

Estes cursos inscríbense no convenio asinado en 2015 entre o Ministerio do Interior e a Vicepresidencia da Xunta para a colaboración na formación e actualización do persoal da Garda Civil e a Policía Nacional que traballa na nosa comunidade. A AGASP pon á disposición as súas instalacións para realizar actividades formativas, xornadas, seminarios, prácticas e demais iniciativas. Grazas á esta colaboración, nos últimos catro anos formáronse na Academia máis de 6000 axentes.

Ademais, os axentes da Garda Civil de Tráfico que se están a formar na AGASP poden optar á convocatoria dos plans de formación continua e específicos que a Academia convoca cada ano. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado xullo estes plans que contan cun total de 30 cursos destinados a máis de 1000 profesionais das forzas e corpos de seguridade do Estado en Galicia. No caso da Garda Civil, a formación centrase en temas como a investigación de criptomoedas, as estafas a través da Internet, as licenzas de armas e o análises forenses.

Deja un comentario