+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

A ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS CONVOCOU POR TERCEIRA VEZ NO QUE VAI DE ANO AO SEU CONSELLO ASESOR DE PACIENTES


Asesora en aspectos, actividades, procedementos e servizos con impacto nas condicións da asistencia sanitaria, a prevención das enfermidades, a mellora da saúde e a autonomía persoal de pacientes, as súas familias e persoas físicas ou xurídicas
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés convocou hoxe ao seu Consello Asesor de Pacientes, que conta coa adhesión de 19 asociacións de doentes. Dito consello -reunido por primeira vez o pasado mes de xaneiro en sesión constituínte- celebrou hoxe o seu terceiro encontro no presente ano 2019, nesta ocasión no Hospital Montecelo de Pontevedra, contando coa presencia do xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Jose Ramón Gómez Fernández.
Durante esta terceira xuntanza analizáronse temas de diversa índole, tales coma unha proposta para ampliar a adhesión de novas asociacións ao Consello Asesor de Pacientes; a exposición do novo decreto de estrutura das Áreas Sanitarias; a vindeira posta en funcionamento dun novo espazo asociativo no Hospital Salnés ou a presentación dun balance da execución gradual do plan de necesidades de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Así mesmo, no transcurso desta convocatoria do Consello Asesor de Pacientes da Área Sanitaria presentouse un resumo de obras de acondicionamento de diversos espazos asistenciais nos hospitais executadas recentemente; tamén se espuxeron as liñas mestres dun programa de xestión da demanda en Atención Primaria, así coma un informe da evolución do programa e-saúde e a proposta de adhesión de pacientes voluntarios ao programa e-cronics que prevé pilotar próximamente o centro de saúde de Vilanova de Arousa. As asociacións de pacientes tamén plantexaron propostas de mellora na abordaxe da diabetes infantil e na información sobre as vacinacións en adultos.
Órgano colexiado de carácter consultivo
O Consello Asesor de Pacientes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é un órgano colexiado de carácter consultivo, que ten por finalidade mellorar a calidade da asistencia sanitaria a través da percepción dos servizos sanitarios por parte dos pacientes. Así mesmo, asesora á Xerencia da Área Sanitaria sobre as actividades que teñan impacto sobre as condicións da atención, a mellora da saúde e autonomía persoal e os contidos das guías de información dirixidas aos pacientes. Realiza propostas que potencien a información para incrementar a seguridade dos pacientes e colabora no deseño dos espazos asistenciais.

Entre os obxectivos incluídos na Estratexia SERGAS 2020 -en cuxa elaboración participaron os doentes, a través das asociacións que os representan- incídese na concesión aos pacientes de maiores cotas de participación, dándolles formación e información, para así axudalos a mellorar o seu estado de saúde.

Nesta estratexia tamén se fai fincapé en incrementar nos usuarios do Servizo Galego de Saúde o sentimento de propiedade e de corresponsabilidade na xestión do Sistema Público de saúde.

Estrutura do Consello Asesor de Pacientes
Cómpre sinalar que os Consellos Asesores de Pacientes están compostos por unha presidencia, varias vogalías e unha secretaría, tal e coma recolleu o Diario Oficial de Galicia do 31 de outubro de 2018 . A presidencia deste Consello correspóndelle á Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés.

A secretaría recae nun empregado público e as vogalías confórmanse cos titulares dos órganos unipersoais de Dirección da Xerencia e un representante de cada unha das 19 asociacións de pacientes de carácter sanitario que desenvolven a súa actividade nesta Área Sanitaria e solicitaron á Xerencia a súa incorporación: a Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama (ADICAM); a Asociación Española contra el Cáncer (AECC); a Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Pontevedra (AFAPO); a Asociación Galega de Hemofilia (AGADHEMO); a Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA); a Asociación Galega de Linfedema (AGL); a Asociación de familiares e amigos de persoas con enfermidade mental (ALBA); a Asociación para a loita contra as enfermidades de ril-Pontevedra (ALCER Pontevedra).

Tamén a Asociación AMENCER-ASPACE; a Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (ANEDIA); o colectivo Alcohólicos Rehabilitados de Vilagarcía de Arousa (AREVA); a Asociación enfermos de artrite Pontevedra (ASEARPO); a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM Galicia); a Asociación Socio Sanitaria Enfermedades Inflamatorias Intestinales e Ostomizad@s (ASSEII); a Asociación Tratamento Autismo (BATA); a Federación Gallega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC); a Asociación Galega de Fibrose Quística (FQGalicia); a Liga reumatolóxica galega (LIREGA) e a Asociación de Párkinson da Provincia de Pontevedra (APROPARK).

Deja un comentario