+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019

O CONCELLO CONCLÚE OS ENCONTROS PARA ANALIZAR O FENÓMENO DO “BOTELLÓN”


O concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera, mantivo hoxe un encontro coa Policía Autonómica no marco das reunións convocadas dentro do proceso participativo desenvolvido desde o mes de setembro para analizar o fenómeno do botellón.
Acompañado do Oficial da Policía Local, Mera analizou co Inspector Xefe e cun Oficial da Policía Autonómica de Vigo as cifras e informacións relativas á venda e ao consumo de alcol por parte de menores. A Policía Autonómica ven realizando desde hai anos inspeccións na Feira Vella e en locais de ocio nocturno con axentes de paisano para detectar a venda de alcohol a menores e o consumo por parte destes. No pasado ano realizáronse 143 identificacións, tramitándose 18 denuncias por consumo e 2 por venda. No que vai de ano 2019 realizáronse 38 inspecións, as denuncias por consumo baixaron a 6 e por venda elévanse de momento a 3.
Na reunión tamén se valorou a importancia da prevención e, neste ámbito, a Policía Autonómica ofreceu a posibilidade de celebrar charlas de concienciación en centros de ensino de Ponteareas.
Con este encontro, a concellaría de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá conclúe o proceso de participación no que interviron varios centos de persoas en reunións mantidas coa veciñanza afectada, a mocidade que participa no botellón, as direccións de centros de ensino e ANPAS, a dirección do Centro de Saúde, colectivos adicados á prevención do consumo de alcool e drogas, a área de Benestar e Igualdade, a Policía Local e a Asesoría Xurídica do Concello.
A previsión da concellaría é facer públicas nas vindeiras semanas as conclusións do proceso e presentar un plan de medidas e de actuacións dirixidas a dar resposta ao fenómeno con solucións que abranguen desde o problema de saúde que conleva até os comportamentos incívicos que protagonizan unha parte dos participantes no botellón.

Deja un comentario