+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

A XUNTA DE GALICIA INVISTE 300.000 EUROS EN OBRAS DE MELLORA DE 20 ESCOLAS INFANTÍS DE INICIATIVA SOCIAL DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA


Este investimento irá destinado a renovar as instalacións doutras seis instalacións da Coruña e unha de Lugo

A Xunta de Galicia vén de conceder a 27 escolas infantís dependentes de entidades privadas de iniciativa social (EPIS) achegas económicas por un valor de preto de 400.000 euros para a mellora das instalacións, a adquisición de novo equipamento e a incorporación de novas tecnoloxías. Delas, 20 están situadas na provincia de Pontevedra ás que se destinan 300.000 euros. Política Social concede estas axudas, financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feader), por terceiro ano consecutivo.

O Goberno galego chegou a todas as EPIS que solicitaron estas axudas e reunían os requisitos establecidos na convocatoria: 20 na provincia de Pontevedra, seis da Coruña e unha en Lugo. Así, concédese a práctica totalidade do investimento subvencionable cunha contía máxima que pode recibir cada centro de 25.000 euros: 15.000 euros para as obras de mellora e de 10.000 para a compra de equipamento máis a integración das novas tecnoloxías nas aulas.

Máis en concreto, as intervencións subvencionables son as obras menores de adecuación da infraestrutura, así como traballos novos que melloren a accesibilidade da escola ou a doten dos servizos necesarios. Estas axudas tamén cobren a adquisición e renovación do equipamento do centro, incluído o mobiliario exterior ou interior e o material didáctico e de xogo. Así mesmo, as achegas están dirixidas a dotar aos centros de conexión a internet e a compra de dispositivos tecnolóxicos como encerados dixitais ou ordenadores, entre outros. As entidades teñen de prazo para xustificar as intervencións feitas ao abeiro desta orde ata o día 5 do vindeiro mes de decembro.

Aposta pola infancia
Estes investimentos en EPIS responden ao compromiso do Executivo galego coas familias e a infancia. Trátase de que as nais e os pais teñan ao seu alcance os mellores centros para os seus fillos e fillas e, ademais, de facilitar a conciliación. A día de hoxe Galicia ofrece máis de 25.000 prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos, o que eleva a ratio de cobertura a preto do 44% -nove puntos máis que a mínima recomendada pola Unión Europea-.

Nesta liña, cómpre indicar que os novos orzamentos da Xunta para 2020 destinan 160,9 millóns de euros a políticas de apoio ás familias e á infancia, un 12,8% máis que o ano pasado.

Deja un comentario