+034 986 09 02 04 Xoves 12 de Decembro de 2019

A OFICINA DE COORDINACIÓN DE TRANSPLANTES DO COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE PONTEVEDRA IMPARTE UN CURSO PARA ENFERMARÍA SOBRE A DOAZÓN DE ÓRGANOS


En colaboración coa coordinación autonómica de Transplantes -ADOS- e a Unidade de Docencia do CHUP, o hospital Montecelo acollerá esta actividade os vindeiros luns 11, martes 12 e mércores 13 de novembro
A asistencia sanitaria no eido dos transplantes de órganos e tecidos terá un destacado foro docente os vindeiros luns 11, martes 12 e mércores 13 de novembro no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. En colaboración coa coordinación autonómica de Transplantes -ADOS-, a oficina de coordinación de Transplantes Hospitalaria -da man do doutor José Luís Martínez Melgar e a enfermeira Ana Isabel Escudero Quiñones- e a Unidade de Docencia do CHUP, o salón de actos do hospital Montecelo acollerá durante esas tres tardes un curso sobre o proceso da doazón de órganos, dirixido a persoal de enfermaría.

Así, un total de 30 profesionais de enfermaría das Unidades de Coidados Intensivos, Reanimación, Quirófano, servizo de Urxencias e servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra adquirirán a vindeira semana en Montecelo coñecementos sobre o acto altruísta das doazóns de órganos no seu contexto sanitario, de educación social, analizando diversos aspectos éticos e legais no proceso doador. Tamén se profundizará no perfil dos potenciais doadores, nas técnicas de axuda no dolo e nas diversas causas e estratexias a seguir ante a doazón.

Este encontro do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra en Montecelo responde a un dos obxectivos das Oficinas de Coordinación de Transplantes e a ADOS de organizar actos dirixidos a aumentar a información a profesionais sanitarios e non sanitarios sobre a doazón e os transplantes, concienciando da importancia do trato ás familias e facilitando información sobre os resultados dos transplantes.

Agradecemento aos doantes e as súas familias
Segundo sinala o facultativo de Medicina Intensiva e coordinador transplantes do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, José Luis Martínez Melgar, “calquera actividade docente organizada nesta materia non pode ter lugar sen amosar o agradecemento aos doantes e as súas familias pola súa enorme sensibilidade e xenerosidade. A Oficina de Coordinación de Transplantes do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra está emprazada no segundo andar do Hospital Montecelo e comezou a súa actividade na área sanitaria en 1993. Continuamos animando á poboación a manter estas vitais achegas, que seguen a repercutir directamente na saúde dos propios pacientes”.

 

Alternativa terapéutica
O transplante de órganos e tecidos é unha magnífica alternativa terapéutica para miles de enfermos cada ano, sendo para moitos deles a única posibilidade de seguir con vida. Esta alternativa, totalmente altruísta, está condicionada pola dispoñibilidade dun número axeitado de doadores, xurdindo así a necesidade de manter unha promoción continua da doazón.

Galicia sitúase á cabeza do mundo en doazón e transplante de órganos, con taxas de transplante que superan a media de España -que é, á súa vez, o pais coas taxas máis elevadas do mundo dende hai anos-. A Comunidade Autónoma ten unha longa traxectoria en transplante de órganos posto que iniciou os seus programas de extracción no ano 1981. Dende entón, son miles de persoas as que doaron os seus órganos e tecidos tras o falecemento, incluso hai quen doa en vida un dos seus riles para un membro da súa familia.

En Galicia, miles de persoas refixeron as súas vidas grazas ao transplante de órganos sólidos. En relación ao acceso ao transplante de órganos vitais (fígado, corazón e pulmón), Galicia ocupa o primeiro posto mundial no número de transplantes por millón de poboación.

As taxas galegas de doazón son elevadas e evolucionaron parellas á media de España, grazas ao altruísmo das persoas falecidas e as súas familias e á calidade do proceso de doazón seguido nos hospitais do Servizo Galego de Saúde, cunha exhaustiva detección de doadores potenciais.

Deja un comentario