+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019

A XUNTA AMPLÍA O ORZAMENTO DA SEGUNDA CONVOCATORIA DAS AXUDAS A ENTIDADES LOCAIS PARA CONTRATAR A VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución na que se recolle un aumento do financiamento en 353.021 euros que se suman aos 538.551 desta segunda convocatoria e aos 800.000 da primeira
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación da segunda convocatoria da orde de axudas destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas debido ao elevado volume de solicitudes.

Nesta resolución as axudas contarán cun orzamento de 353.021,28 euros financiados ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e súmanse aos 538.551,68 consignados para esta segunda convocatoria. Xa na primeira convocatoria se reservara un crédito de 800.000 euros.

A Secretaría Xeral da Igualdade decidiu incrementar a partida para atender ás necesidades das mulleres vítimas de violencia de xénero que serán contratadas polos concellos, as mancomunidades e os consorcios locais de Galicia. Por iso, co obxectivo de optimizar o proceso de xestión tamén se ampliará ata o 30 de novembro o prazo para formalizar as contratacións por parte das entidades locais beneficiarias da subvención.

A Xunta reafirma o seu compromiso coas vítimas de violencia de xénero, ás que lle ofrece os recursos necesarios para contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, e reforzar ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
O obxectivo que se consigue con esta ampliación da segunda convocatoria é que un maior número de mulleres que sofren violencia de xénero poidan ser contratadas e acceder ao mercado laboral nunhas condicións dignas.
As axudas destináranse a financiar a contratación, por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, coa finalidade de mellorar a súa inserción laboral.

Os requisitos para realizar as contratacións son os mesmos que na primeira orde de axudas publicada en maio. Os contratos para os que se conceda a subvención deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social; deben ser executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas ás que se encomende a súa execución; a duración dos contratos será como mínimo de catro meses e deberá favorecer a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas. Ademais, a entidade local terá que designar unha persoa de apoio para a traballadora ou traballadoras contratadas que actúe como profesional de referencia no tempo que dure a contratación e poderá contar con apoio de persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade con formación en xénero.

A presentación das solicitudes realizarase a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Deja un comentario