+034 986 09 02 04 Xoves 02 de Abril de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN FAI UN CHAMAMENTO ÁS FAMILIAS DE VÍTIMAS DO FRANQUISMO PARA QUE LOITEN CONTRA A IMPUNIDADE


A deputada María Ortega presentou hoxe as Xornadas da Memoria Histórica deste venres e sábado nas que intervirán representantes de CeaQua para informar sobre a querela arxentina

Familiares de Alexandre Bóveda e do expresidente da Deputación Amancio Caamaño asinarán a súa adhesión á reclamación xurdicial

A Deputación de Pontevedra, seguindo un dos seus eixos de actuación deste mandato en materia de Memoria Histórica, a loita contra a impunidade do franquismo, dará un paso máis e porase do lado das familias das vítimas para facilitar que tomen a vía xudicial contra os crimes cometidos despois do alzamento fascista do 36. A institución provincial convértese así nunha das primeiras administracións que comparte e asume os postulados de loita contra a impunidade defendidos polos colectivos memorialistas.

“As institucións teñen que ser unha ferramenta ao servizo da cidadanía, e temos que facilitar as demandas ás familias. Hai que visibilizar a situación actual e sacudir o pó, e neste sentido a Deputación ten unha senda firme e decidida da recuperación da memoria e da reparación”, dixo Ortega, lembrando que a día de hoxe siguen vixentes condenas por ‘traizón á patria’ de persoas como Alexandre Bóveda.

Para informar sobre a vía xudicial , segundo explicou a deputada María Ortega, este venres e sábado celebraranse unhas xornadas sobre Memoria Histórica nas que intervirán, entre outros, representantes de CeaQua para abondar na situación xurídica actual da querela arxentina contra os crimes do franquismo – denuncia interposta ante un xulgado penal de Arxentina polos delitos de xenocidio e crimes de lesa humanidade cometidos en España pola ditadura franquista entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977-.

Así, o venres ás 17 horas realizarase un encontro no que estarán persoas do mundo da avogacía na provincia de Pontevedra (Colexio de Avogacía e Comisión de dereitos humáns do grupo de Avogados Novos) co fin de plantexar colaboracións a nivel legal, intercambio de experiencias e iniciativas legais para facilitar a presentación das querelas sempre dende o punto de vista técnico.

Por outra banda, celebrarase despois unha reunión informativa destinada ás familias e aberta ao público xeral, na que estarán o abogado de CeaQua Jacinto Lara, pero tamén Miguel Ángel Gómez e Chato Galante, ambos querelantes contra Billy El Niño. A xornada finalizará coa proxección de ‘El silencio de otros’.

Xa o sábado 16 ás 12 horas celebrarase un acto institucional de especial transcendencia polo seu significado no que familiares de figuras como Alexandre Bóveda ou o ex presidente da Deputación de Pontevedra, Amancio Caamaño, asinarán a querela arxentina públicamente como feito simbólico de loita contra o franquismo. “Entendemos que é o marco axeitado para que as familias poidan adherirse á querela, e facemos un chamamento para seguir este camiño”, dixo a deputada María Ortega.

Recoñecemento á institución
Pola súa banda, Montse Fajardo, representante da Iniciativa Galega da Memoria agradeceu á Deputación en nome do movemento memorialísitico a súa impliación e os pasos firmes para “dar batalla xudicial e loitar de xeito firme contra o franquismo”. Fajardo fixo un chamamento ás familias para que saiban que teñen apoio para loitar fronte á Lei de Amnistía da Transición, que definiu como “un muro” e se adhiran á querela arxentina ou presenten a súa propia. “É triste que teñan que ser os tribunais internacionais os que o fagan, pero con este movemento da Deputación de Pontevedra Galiza tamén entrará no movemento xudicial e as familias non terán que soster soas o peso de afrontar as querelas”, afirmou.

O neto de Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda, tamén se sumou ao recoñecemento do labor da Deputación ao traer ao primeiro plano a loita contra a impunidade. “Fan falla políticas de memoria, porque aínda hoxe seguen vixentes sentenzas firmes nas que as persoas asesinadas constan como traidoras á patria nos xuízos sumarísmos e consellos de guerra que aplicaron os golpistas”, destacou, para subliñar afear que o Estado Español non tivera dado pasos neste sentido.

“Isto é unha posta en valor dos dereitos humanos, e que teñamos que falar disto no 2019 di moito dos valores que temos como sociedade. De ter implementado esas políticas de memoria hoxe a intolerancia non tería representación”, dixo en referencia aos resultados electorais das eleccións de onte. En relación ao momento para presentar a adhesión para a querela por parte da súa familia destacou que “é certo que as familias aínda hoxe teñen medo, por iso e con esta posición agora da Deputación, nós imos adiante, que é tamén un ánimo para os demais”.

Nestes momentos están presentadas e en diferentes fases xudiciais máis de 600 querelas que implican a máis de 9.000 persoas vítimas do franquismo. Na Galiza estímanse que entre os xuízos sumarísimos e as persoas paseadas poderían estar afectadas máis de 5.000 familias de vítimas.

Deja un comentario