+034 986 09 02 04 Xoves 09 de Xullo de 2020

O CONCELLO DE SOUTOMAIOR CONVOCA UNHA NOVA EDICIÓN DO SEU CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL


O prazo para presentar as obras termina o 16 de decembro
O Concello de Soutomaior acaba de convocar unha nova edición do seu concurso de postais do Nadal. O certame está aberto a todas as idades e conta con premios para os vencedores de cada categoría como unha cea no Castelo de Soutomaior, varios lotes deportivos e de produtos do Nadal, entre outros obsequios. O prazo para a presentación de orixinais estará aberto ata o do 18 de decembro ás 13:00 horas.
O obxectivo do concurso é promocionar a creatividade e a expresión plástica entre a poboación de Soutomaior; sensibilizar á infancia sobre os valores positivos que transmite o Nadal e fomentar a participación dos nenos durante as festas.
O certame está dirixido a toda a poboación do municipio e especialmente á infancia e á mocidade. A idade mínima de participación é de 2 anos e a temática das postais será o Nadal, as súas visións e significados representados de maneira creativa. Tamén se valorará que a idea proposta estea contextualizada no Concello de Soutomaior. As postais que conteñan texto deberán estar escritas en lingua galega.
Cada tarxeta poderá presentarse nunha única modalidade das dous existentes, a Simple e a Tridimensional. No caso da primeira as postais non poderán superar o tamaño dun DIN-A4 aberto, sendo de soporte e técnica libre. Para a modalidade de postais tridimensionales a única restrición é que o seu tamaño deberá ser apto para a súa exposición e fácil manexo.
Ademais, adaptando o formato aos tempos modernos, tamén se poderán enviar felicitacións audiovisuais. As únicas condicións son que a duración máxima sexa de 3 minutos, que o texto ou audio estean en lingua galega e que fagan referencia á temática do concurso “Felicitación de Nadal/ Aninovo dende Soutomaior”.
As obras presentadas a concurso deberán entregarse nas oficinas da OMIX, no edificio Multiusos de Arcade, en sobre pechado cun folio no seu interior no que consten os datos de contacto do participante e por medios dixitais as obras audiovisuais. As postais presentadas poderanse contemplar reunidas nunha exposición que se poderá visitar ata o mes de xaneiro. O acto oficial de entrega de premios celebrarase o sábado 21 de decembro no Multiusos de Arcade. Todas as persoas que participen no concurso e asistan á entrega de premios recibirán un pequeno agasallo pola súa colaboración.
Todos os interesados en recibir máis información ou consultar as bases do concurso poden facelo directamente online a través da web municipal en www.soutomaior.com/xuventude, chamando ao teléfono 986 700 822 ou nas oficinas da OMIX no edificio Multiusos de Arcade todas as tardes de 15:30 a 20:30 salvo os mércores de 09:00 a 14:00.

Deja un comentario