+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

A ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS HABILITA UN NOVO ESPAZO PARA O ENCONTRO DAS ASOCIACIÓNS DE PACIENTES COS USUARIOS NO HOSPITAL DO SALNÉS


Substitúe ao local anterior, que funcionaba dende hai un ano, emprazándose agora no andar principal, en plena zona de tránsito a poucos metros do vestíbulo de entrada do Hospital arousán
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de habilitar un novo espazo no Hospital do Salnés para que as asociacións de pacientes dispoñan dun lugar fixo como punto de encontro cos usuarios desta área sanitaria, ao igual que os existentes nos hospitais Montecelo e Provincial de Pontevedra.

Este novo espazo para as asociacións, máis luminoso e accesible, ven a substituír ao local anterior -que xa funcionaba dende hai un ano neste centro sanitario, pero noutra localización do edificio- emprazándose agora no andar principal, en plena zona de tránsito, a poucos metros do vestíbulo de entrada do Hospital do Salnés.

Con respecto ao protocolo de funcionamento para dispoñer desta nova área de asociacións, o sistema de petición mantense coma ata o de agora. Así, aqueles colectivos interesados en solicitar o Espazo de Asociacións do Hospital do Salnés tan só teñen que cubrir un formulario que queda rexistrado na secretaría de Dirección do centro hospitalario de Ande-Rubiáns.

Esta iniciativa ten como principal obxectivo consolidar a relación dos pacientes e familiares coas asociacións correspondentes, de forma que os doentes e usuarios do Hospital do Salnés poidan ter acceso a toda a información que precisen, como complemento á actividade asistencial prestada polos profesionais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Punto de encontro e canle de comunicación
Outra das finalidades desta nova sala é consolidarse nun punto de encontro onde establecer unha canle de comunicación entre a Dirección, os profesionais, as asociacións, os familiares e os pacientes, para coñecer así as necesidades dos mesmos.

A este respecto, a Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés xa informara o pasado 8 de novembro ao seu Consello Asesor de Pacientes da planificación e emprazamento desta nova área no Hospital do Salnés, no marco dunha convocatoria deste colectivo, que conta coa adhesión de dezanove asociacións de doentes de toda a comarca.

Deja un comentario