+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

A ENQUISA DE MOBILIDADE BATE RÉCORDS DE INTERESE ENTRE A CIDADANÍA


Na primeira semana supera xa ás máis de 400 enquisas cubertas
O concelleiro de Mobilidade convoca aos colectivos sociais e veciñais a un encontro participativo este xoves no salón de plenos
Na primeira semana de consulta a enquisa do plan de mobilidade do concello de Ponteareas bate récords de participación respecto ás realizadas por estas mesmas cuestións en concellos de similares características.
A empresa encargada da sondaxe adianta que se superan xa as máis de 400 enquisas cubertas, un dato que revela o alto interese que suscita na cidadanía a redacción do plan de mobilidade que mudará e regulará os tránsitos e os ritmos da cidade e da súa contorna, así llo trasladou a empresa ao concello de Ponteareas no día de onte.
O goberno valora moi positivamente o interese da cidadanía que se implica no deseño do futuro de Ponteareas.
Precisamente nesta semana, o xoves día 14, ás 18 horas o concelleiro de Mobilidade e Bo Goberno, Roberto Mera, convoca un encontro participativo no salón de plenos entre os redactores do plan de mobilidade e os colectivos relacionados coa atención ás persoas con discapacidade para coñecer a súa opinión e a información que manexan sobre aspectos como a accesibilidade a edificios e espazos públicos así como ao transporte público en Ponteareas.
A continuación, ás 19:30 horas, Roberto Mera e os técnicos responsables da redacción do plan reuniranse cos representantes dos colectivos veciñais e sociais en xeral para abordar en conxunto o Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel e conversar sobre aspectos como a mobilidade a pé e en bicicleta, a circulación en vehículos a motor, o transporte público ou a accesibilidade en Ponteareas, tanto na vila coma no rural.
Mera fai fincapé na necesidade de analizar coas asociacións veciñais e co resto dos colectivos cuestións tan importantes como o transporte público de conexión co rural, as peonalizacións, o fluxo do tráfico e as necesidades de aparcamento.
A concellería de Mobilidade recorda que ata o domingo día 24 está dispoñíbel a enquisa on line para toda a veciñanza na ligazón: http://ponteareas.gal/plan-de-mobilidade/
Ademais, tamén se poderá cumprimentar a enquisa achegándose ao rexistro municipal donde se lles facilitará unha copia en papel para que cubran e deixen nese mesmo departamento.
Para calquera consulta ou achega tamén se pode empregar o correo participacioncidada@ponteareas.gal

Deja un comentario