+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

O COMITÉ GALEGO DE PESCA FLUVIAL APROBA AS CONDICIÓNS DESTA ACTIVIDADE PARA A TEMPADA DO ANO 2020


A directora xeral de Patrimonio Natural, que presidiu esta xuntanza anual, recordou que as condicións que rexerán na próxima tempada publicaranse nunha orde no Diario Oficial de Galicia
A Consellería de Medio Ambiente ,Territorio e Vivenda celebrou hoxe a reunión anual ordinaria do Comité Galego de Pesca Fluvial, onde se aprobaron as condicións para a práctica desta actividade durante a tempada do ano 2020. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, presidiu esta xuntanza, que contou coa participación dunha ampla representación dos sectores implicados na pesca continental na Comunidade galega.

Así, os asistentes analizaron as propostas a ter en conta na normativa que regulará os períodos hábiles de pesca para a vindeira tempada 2020 e tamén se abordou o establecemento das respectivas determinacións para cada especie.

No tocante ao salmón, o período xeral abranguerá do 1 de maio ao 31 de xullo, mantendo uns períodos específicos nos coutos compartidos con Asturias, así como no río Ulla, no que para a vindeira tempada pecharase ao acadar a cota establecida ou o 30 de xuño.

As cotas de captura serán similares ás da pasada tempada nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense. Concretamente, no río Mandeo (A Coruña) establécense 5 exemplares; nos ríos Masma e Salmeán (Lugo), a cota é de 15 e 10 exemplares, respectivamente; e no río Miño (en Ourense) fixase en 8 exemplares. Pola súa banda, as cotas nos ríos da provincia de Pontevedra son de 40 exemplares no río Ulla. O límite segue a ser dun salmón por pescador e día, e tamén se mantén a autorización dos engados permitidos. Polo que respecta ao reo, mantense o período do 1 de maio ao 31 de xullo, prolongándose ata o 30 de setembro nalgúns coutos.

En relación á troita, a tempada abrirase o 15 de marzo prolongándose ata o 31 de xullo, coas excepcións das masas de auga salmoneiras e as masas de auga de montaña, nas que a tempada comezará o 1 de maio. Por outra banda, nos coutos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, a tempada prolóngase ata o 30 de setembro; nos coutos con convenio a tempada prolóngase ata esta mesma data na modalidade de pesca sen morte.

Estudo sobre corvo mariño
Outro dos puntos da orde do día da reunión do Comité Galego de Pesca foron os resultados do estudo encargado pola Consellería a investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) sobre a evolución temporal da poboación invernante de corvo mariño en Galicia, o análise da dieta desta especie nos 20 principais ríos galegos e do seguimento e interacción coa pesca recreativa, de cara á elaboración en 2020 dun plan de xestión específico. Os resultados deste estudio foron expostos polo profesor Jesús Domínguez Conde, do departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC.

Este estudo axudará a articular as medidas a levar a cabo para paliar os posibles efectos desta ave sobre a pesca e dar resposta ás demandas deste colectivo sobre a incidencia do corvo mariño sobre a pesca fluvial, que traslada o colectivo de pescadores.

Lei de pesca continental
Por último, a directora de Patrimonio Natural informou sobre o anteproxecto de Lei de Pesca Continental de Galicia, que se está ultimando nestes momentos, dado que a tramitación da mesma está bastante avanzada. Na reunión deuse traslado do contido a todos os membros que integran o citado Comité e adiantoulles que antes de que remate o ano se elevará o novo texto normativo ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

A directora expuxo as liñas principais da nova lei, que permitirá en dúbida avanzar en tres aspectos principais: garantir o relevo xeracional, potenciar de xeito progresivo a instauración da modalidade de pesca sen morte, facéndoa compatible co modelo extractivo actual e converter a pesca nun instrumento dinamizador do rural.

Deja un comentario