+034 986 09 02 04 Martes 19 de Xaneiro de 2021

EDUCACIÓN CONVERTE A BIBLIOTECA DO CPI DA CAÑIZA NUNHA ÁREA INCLUSIVA E AMPLÍA A ZONA DE LECTURA


A Consellería investiu case 5.200 euros para converter este espazo nun lugar inclusivo e atraer a máis alumnos e alumnas ao mundo do libro

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destinou case 5.200 euros para mellorar a biblioteca do CPI da Cañiza instalando unha nova zona de lectura e convertendo o espazo nun lugar inclusivo. Este centro forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), ao abeiro do que se desenvolven estas accións.

Deste xeito, destináronse fondos á compra de material para alumnado con dificultades. Por outra banda, complementouse o lugar con novo mobiliario que permite aumentar o número de alumnas e alumnos que desexan acercarse ao mundo do libro, con catro novas mesas e un recuncho de lectura informal. O obxectivo é que os alumnos se acerquen á biblioteca e que esta sirva como motor da innovación do centro.

Dende a Consellería insístese no papel das bibliotecas escolares en relación coa adquisición das competencias básicas do alumnado. Son centros de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe, que axudan á consecución dos obxectivos educativos. A Xunta aposta por un modelo de Biblioteca Inclusiva, para que o alumnado atope a súa oportunidade de crecemento persoal e de aprendizaxe continuada, e que estes espazos respondan, de xeito real, ás necesidades de todo o alumnado de xeito que se poidan enfrontar a todos os retos que a diversidade presenta.

Esta mellora foi asumida trala solicitude remitida polo propio centro educativo e a dirección da Anpa, e a través do apoio do anterior equipo de Goberno local.

O Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares, enmarcado no Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016-2020, ten como obxectivo incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que persigan a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, na que se incorporen espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido. Así mesmo, as bibliotecas integradas no Plambe deberán traballar no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, así como integrar as novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

Por outra banda, este modelo de biblioteca debe ter tamén un enfoque inclusivo, contribuír á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro e implicarse en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.

A Consellería de Educación destinou nos últimos anos un total de 900.000 euros para a mellora dos centros educativos do concello da Cañiza.

Deja un comentario