+034 986 09 02 04 Sábado 18 de Xaneiro de 2020

OS VISITANTES DE EXPOBUS IBERIA PODERÁN VIAXAR AO PASADO CUNHA ATRACTIVA EXPOSICIÓN DE CLÁSICOS E UN PASEO EN AUTOCAR HISTÓRICO


 

REALIZARNSE DÚAS PEQUENAS VIAXES NUN VEHÍCULO DO ANO 1953 QUE CONTA CON TODO TIPO DE EXTRAS DA ÉPOCA, MENTRAS QUE A MOSTRA ALBERGARÁ AUTÉNTICAS XOIAS ENTRE AS QUE HAI UN MODELO DE AUTOBÚS ÚNICO NO MUNDO

A II Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia, a cal se celebrará do 21 ao 23 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, permitirá aos seus visitantes viaxar ao pasado. Farano tanto a través dun paseo nun autocar histórico como cunha interesante exposición de clásicos.

En canto á mostra, poderán verse orixinais autobuses dende a década dos 30, ademais dalgún minibús, como un con motor traseiro cuxa restauración rematou hai apenas unhas semanas. Algúns contan con extras da época, como floreiros de cristal ou porcelana pintada a man na parte central do parabrisas, ou os chamados cristais alpinos, situados no teito para permitir unha visión panorámica aos pasaxeiros.

Tamén haberá un modelo que é o único que se conserva actualmente a nivel mundial, da desaparecida marca Hispano Suíza, o cal diferenciaba tres clases. A terceira contaba con 20 prazas no teito e estaba ocupada por pasaxeiros que eran os que tiñan que baixarse a empuxar o autobús no caso de que este non puidese subir unha costa.

Ademais de por as súas características e equipamento, algúns tamén destacan polos viaxeiros que o ocuparon, como un fabricado en 1951 que foi o autobús oficial do club de fútbol Atlético Aviación ou outro que transportou ao Ballet Ruso durante unha xira española nos anos 70. Algúns dedicáronse ao longo percorrido por España, outros a liñas regulares e tamén os hai que se xubilaron facendo ruta escolar.

Estes vehículos poden circular e en moitos casos alúganse para acontecementos e celebracións, participando algúns en películas de recoñecidos directores do cinema español, como José Luis Cuerda ou Fernando Trueba.

Pertencen a seis empresas que dedicaron moito tempo, esforzo e enxeño para restaurar estes autocares, converténdoos en auténticas xoias. Son de Empresa Cuiña e Autocares Mosquera (grupo Autocares Rías Baixas), Autocares Lázara, Autocares Meijide, Autocares Benito García e a desaparecida Empresa Garrido.

Un paseo de época

Por outra banda, os visitantes poderán saber como viaxaban os nosos pais ou avós nos anos 50 gozando dun paseo nun autocar pertencente á colección de autobuses históricos da Empresa Cuiña (grupo Autocares Rías Baixas).

Trátase dun Mercedes 0-3500 modelo Vetter do ano 1953 que dispón de gran cantidade de detalles que o converten nun autocar de luxo da época, ademais de curiosidades como os transportíns, asentos plegables ancorados aos asentos dunha das filas do autobús que permitían aos viaxeiros ir sentados no pasillo e que foron prohibidos nos anos 60.

Será o venres 22 ás 17.00 horas e o sábado 23 ás 13.00 horas cando este autobús realizará un pequeno percorrido por Silleda, cunha parada no museo da Empresa Cuiña.

Deja un comentario