+034 986 09 02 04 Sábado 18 de Xaneiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

“DEPOTERMAL” CHEGA ESTA SEMANA A 278 PERSOAS CO PROGRAMA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA


Este domingo parten os participantes da visita con pernoita, mentres que o luns comezan as saídas do programa diúrno

A iniciativa de termalismo social beneficia este ano a 4.500 veciñas e veciños da provincia

O programa “Depotermal”, organizado pola Deputación de Pontevedra, levará durante esta próxima semana a 278 persoas a descubrir os beneficios do termalismo en establecementos de trece concellos da provincia. Nesta ocasión, as estadías serán no Hotel Carlos I e no Hotel Talaso de Sanxenxo, no Hotel Louxo La Toja, no Balneario Termas de Cuntis e no Hotel Talaso de Oia.

Serán un total de 201 veciñas e veciños os que nesta ocasión participen neste programa a través da modalidade de pernoita cunha estancia que durará dende o 17 ata o 22 de novembro. Delas, 33 persoas de Tui, Salceda de Caselas e Vigo alonxaranse no Hotel Talaso Sanxenxo, 86 veciñas e veciños de Catoira e Pontevedra farano no Hotel Carlos I de Sanxenxo, 40 persoas de Cangas, Vigo e Redondela no Hotel Louxo La Toja e 42 veciñas e veciños de Nigrán, Vigo e Pontevedra farano no Balneario de Cuntis.

Amais, 53 veciñas e veciños dos concellos de Lalín, Forcarei, e A Estrada gozarán da modalidade de día do programa no Balneario Termas de Cuntis. Finalmente, outras 24 persoas dos concellos de Covelo, Ponteareas, Salceda e Tui acudirán ao Hotel Talaso de Oia coa programación diurna de “Depotermal”, que comezará este luns 18 de novembro e terá unha duración de cinco xornadas consecutivas.

O programa de termalismo e saúde da Deputación está dirixido a persoas nadas antes do 1 de xaneiro de 1969 e ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida da veciñanza da provincia, así como impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado de ánimo, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. “Depotermal” permite tamén dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

Este ano, un total de 4.419 persoas vanse beneficiar do programa termal, das que 1.186 o farán en asistencia diúrna (durante cinco días consecutivos) e 3.233 pers0as con pernoita (cunha estancia de seis días e cinco noites).

Deja un comentario