+034 986 09 02 04 Xoves 13 de Agosto de 2020

30 MULLERES DE VIGO E A ESTRADA COMEZAN ESTA SEMANA ACCIÓNS FORMATIVAS DE “CONECTADAS”


Os obradoiros de igualdade da Deputación de Pontevedra serán desenvolvidos en Vigo e A Estrada

O programa da Deputación de Pontevedra “Conectadas 2019” continúa poñendo en marcha accións formativas dirixidas a empoderar ás mulleres da provincia mediante a formación. Deste xeito, Entre este luns 18 e o 24 de novembro comezan dúas novas accións nas que participarán un total de 30 mulleres pertencentes a asociacións de dous concellos pontevedreses, A Estrada e Vigo. Ademais, outros catro cursos comezados no mes de setembro chegan ó seu fin esta semana.

Máis polo miúdo, 15 mulleres de A Estrada participarán na acción formativa “Cociña e alimentación. Hábitos saudables”, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais San Xoán de Santeles. O curso comezará o vindeiro mércores 20 de novembro, desenvolverase ata o 19 de febreiro de 2020 no Local da Escola (lugar Godoy s/n Santeles) e terá lugar os mércores de 18 a 21 horas. En Vigo, 15 integrantes da Sociedad Cultural Recreativa y Deportiva Helios comezan o 22 de novembro a acción formativa “Risoterapia”, que terá lugar os venres de 17 a 19 horas no local da sociedade ata o 28 de febreiro do vindeiro ano.

Ademais, esta semana rematan catro cursos cun total de 82 mulleres participantes. Son o curso “Encontro con lectoras: animación á lectura e memoria”, no que participaron 15 mulleres da Asociación de Veciños de San Bartolomé de Xesta, no concello da Lama. “Pilates”, o curso impartido en Cangas ó que asistiron 25 persoas da Asociación Española Contra el Cáncer, rematará o mércores 20. Amais, 24 integrantes da Asociación de Mulleres de Filgueira, no concello de Lalín, rematarán o 22 de novembro a acción “Pintura”. Por último, en Poio, o curso de “Ioga” que mobilizou a 18 integrantes da Asociación Cultural Mulleres do Mar de Poio, rematará o 20 de novembro.

“Conectadas 2019” é un programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Amais, esta iniciativa busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Está dirixido a asociacións, federacións e fundacións que traballan para a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.

Deja un comentario