+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

Máis de 2.000 alumnos participaron nas intervencións socio educativas realizadas polo SPAD durante o primeiro trimestre do curso


As actividades diríxense a diferentes grupos de idade e son impartidas por persoal da Área de Prevención a efectos de informar e educar con fins preventivos

O Servizo Preventivo e Asistencial de Drogodependencias (SPAD) de Vilagarcía desenvolveu durante o primeiro trimestre do curso escolar 2014/15 numerosas actividades socio educativas en colexios e institutos do municipio e dos concellos adscritos nas que participaron un total de 2.081 alumnos de diversos niveis e 95 profesores. Estas actividades teñen como obxectivo informar e educar aos estudantes a efectos de previr o consumo de alcohol e outras drogas. Trátase de ofrecer información veraz sobre os efectos destas substancias a nivel físico ou á hora de actuar unha persoa, por exemplo ao volante, os riscos que conleva para a súa saúde o como elemento de risco de sufrir accidentes de tráfico. Tamén se ocupan de destruír falsos mitos e de promover unha actitude responsable e crítica por parte dos rapaces á hora de enfrontarse, por exemplo, á presión do grupo.

As accións preventivas son unha baza moi importante para loitar contra futuras adicións a sustancias estupefacientes ou simplemente para previr o consumo ou abuso de drogas socialmente aceptadas, como o alcohol. Dende o SPAD enténdese que para acadar este obxectivo hai que traballar na educación dende os niveis inferiores e de xeito constante, de aí que dende hai anos que se estean a desenvolver estas intervencións socio educativas que se integran no horario lectivo dos rapaces e que os profesionais do SPAD imparten nos propios centros educativos ao longo do curso.

Entre setembro e decembro de 2014, o equipo de Prevención do SPAD realizou un total de 85 sesións dirixidas a alumnos de diferentes niveis educativos. Os contidos das actividades están adaptados ás idades e nivel de comprensión dos rapaces.

As actividades socio educativas desenvólvense a través de diferentes programas e medios. Así, os programas «Saúde na escola» ou «Contos para conversarnos» lévanse a cabo co apoio de materiais didácticos. O programa «A aventura da vida», dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Primaria, conta cun álbum de cromos e o programa «Órdago», para alumnos da ESO, apóiase en cadernos de traballo. Outras intervencións da Área de Prevención do SPAD son os programas «O cine como elemento de Prevención» no que se proxectan películas que dan pé ao debate a a traballar valores. Tamén se imparten intervencións socio educativas na aula con temáticas relacionadas coa prevención de drogas legais e ilegais e outras condutas aditivas, factores de risco e protección, educación para a saúde, habilidades sociais e prevención do VIH/Sida e obradoiros afectivos.

A actividade do SPAD nos colexios prosegue durante o segundo semestre co programa «O cine como elemento de prevención» . A actividade realizouse para os colexios de Vilagarcía durante o mes de febreiro coa participación de 323 alumnos e 18 profesores. Agora continúa nos colexios de Cambados, Ribadumia e Meis, nos que asistirán ás proxeccións e as sesións posteriores de traballo un total de 600 alumnos e 37 profesores. Só en este baseado no cine tomarán parte este curso 960 persoas (905 alumnos e 55 profesores).

Intervencións nos ámbitos xuvenil, familiar e laboral
odas estas accións desenvólvense no ámbito escolar, pero o SPAD tamén realiza intervencións socio educativas nos ámbitos familiar, xuvenil, laboral e actividades preventivas de xénero e transversais.

Deja un comentario