+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019

MEDIO AMBIENTE ORGANIZA UN AMPLO PROGRAMA DE ACTIVIDADES DE CONCIENCIACIÓN POLA SEMANA EUROPEA DA PREVENCIÓN DE RESIDUOS


O obxectivo desta iniciativa, promovida polas instancias comunitarias, é incrementar a educación e a comunicación en materia de xestión de residuos
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a desenvolver un programa especial de actividades de concienciación con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos, que terá lugar entre os días 16 e 24 de novembro. Numerosos centros escolares e municipios de Galicia serán os escenarios nos que terán lugar as actuacións previstas, encamiñadas sobre todo a promover a educación ambiental e pautas para unha correcta xestión dos residuos.

As actividades programadas no marco desta semana galega da prevención comezaron xa durante a fin de semana, coa presenza da Consellería na XLIII Carreira popular de San Martiño, en Ourense, dentro da campaña Separar con Xeito, que busca fomentar entre a cidadanía as boas prácticas no tratamento dos residuos como unha oportunidade para conseguir beneficios ambientais e económicos a través dunha correcta separación e reciclaxe dos mesmos.

Ao longo dos próximos días celebraranse tamén talleres formativos no marco do Programa de compostaxe escolar, unha iniciativa pioneira que arrancou a comezos deste curso nunha trintena de centros de Infantil e Primaria da comunidade co obxectivo de ensinarlles aos nenos a separar os residuos orgánicos que se xeran nos seus comedores e a reutilizalos despois en forma de abono nos hortos existentes nos seus propios colexios.

O xoves 21 desenvolverase tamén unha xornada formativa dentro do Proxecto demostrativo de compostaxe comunitaria dirixida a núcleos rurais, co que, ademais, se busca a implicación de grandes xeradores de residuos orgánicos asimilables aos domésticos.

Con este proxecto, que acaba de comezar a andar no concello lucense de Mondoñedo, preténdese fomentar a xestión descentralizada da fracción orgánica nas áreas rurais, involucrando tamén a supermercados e outros produtores importantes de materia orgánica de ámbito local para aumentar os índices de recollida separada dos chamados biorresiduos.

Ademais, mañá celebrarase unha xornada de portas abertas dirixida a escolares dentro do proxecto piloto destinado á reparación e ao intercambio de aparellos, obxectos e materiais que se está a desenvolver no Centro Ocupacional de Discapacitados (CODI) do Concello de Valga (Pontevedra). Este edificio alberga tres espazos onde se reparan mobles de madeira, materiais téxtiles e pequenos electrodomésticos. Nesta xornada, os escolares da zona gozarán tamén dun taller de transformación téxtil adaptando as súas necesidades.

Rede Galega PxR
Un dos eventos máis relevantes dos previstos é o lanzamento da convocatoria para inscribise e formar parte da nova REDE GALEGA PxR (Preparación para a Reparación). A iniciativa da Consellería de Medio Ambiente está aberta a todos aqueles axentes interesados co obxectivo de impulsar a colaboración entre distintos tipos de entidades e a Administración autonómica para o intercambio de experiencias, o desenvolvemento de proxectos colaborativos, a detección de necesidades e, en suma, abrir un debate multilateral para a efectiva creación dunha rede de entidades e establecementos implicados na preparación para a reutilización e reparación en toda Galicia.

As inscricións poderán canalizarse a través da web www.mellorrepararquetirar.gal a partir deste mércores, 20 de novembro, aínda que o prazo para que todas as persoas, axentes ou entidades interesadas poidan anotarse e colaborar permanecerá aberto ata o vindeiro 5 de decembro.

Semana europea
Cómpre lembrar que a Semana Europea da Prevención de Residuos é unha iniciativa impulsada polas autoridades comunitarias cuxo obxectivo é promover e implantar durante unha semana accións de sensibilización sobre recursos sustentables e xestión de residuos, animando a participar a un amplo abano de público (autoridades públicas, entidades privadas, sociedade civil e cidadáns en xeral). O lema escollido para este ano 2019 é Cambia os teus hábitos, reduce os teus residuos!.

Deja un comentario