+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

UN CIRCUÍTO DE PROBAS E REUNIÓNS SECTORIAIS SÚMANSE AO PROGRAMA MÁIS TÉCNICO DE EXPOBUS IBERIA 2019


ESTA FEIRA CENTRADA NO TRANSPORTE DE VIAXEIROS POR ESTRADA CELEBRARASE DO 21 AO 23 DE NOVEMBRO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

A Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia, a cal se celebrará do 21 ao 23 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará cun interesante programa no que destacarán as actividades orientadas a profesionais de sector. Con todo, tamén incluirá algunhas pensadas ademais para outros interesados neste ámbito, como a súa exposición de vehículos clásicos ou paseos en autocar histórico.

En canto ás propostas máis técnicas, ExpoBus Iberia suma ás súas xornadas e ao Concurso “Mellor Condutor de Autocares de España” un circuíto de probas. Así, varias das empresas expositoras nesta cita poñerán ao dispor dos seus potenciais clientes a posibilidade de conducir algún dos seus modelos durante os tres días de feira.

Poderán facelo nun circuíto que discorrerá tanto polo espazo exterior do recinto como por estrada, nun trazado que irá ata o polígono industrial do veciño municipio de Lalín e volverá ata o seu punto de partida no recinto feiral.

Por outra banda, e na liña de consolidación de ExpoBus Iberia como punto de encontro sectorial, produciranse varias reunións de entidades do ámbito do transporte de viaxeiros por estrada. Así, a Federación Galega de Servizos de Transporte en Autobús (Fegabús), aproveitará o certame para realizar o primeiro día unha reunión da súa xunta directiva. Ademais, a Federación Galega de Asociacións de Viaxeiros en Autocar (Transgacar) celebrará unha asemblea o último día da feira.

Desconto para o Museo do Campo

Os visitantes e expositores de ExpoBus Iberia 2019 contará cun desconto de 2€ na entrada normal e reducida ao Museo do Campo e a Mecanización, o cal está situado na Feira Internacional de Galicia ABANCA. Pola súa banda, os Amigos do Museo do Campo beneficiaranse dun desconto de 1€.

A Fundación do Campo Galego, entidade xestora deste espazo museístico, acordou realizar esta bonificación para crear sinerxías coa entidade feiral na difusión tanto do museo como tamén de ExpoBus Iberia.

Este museo é unha homenaxe ás nosas orixes e mostra a evolución do campo e a súa mecanización, agricultura e gandería en máis de 4.000 metros cadrados de exposición. Está distribuída en distintas salas, podéndose ver tamén mostras temporais nalgunhas delas.

Deja un comentario