+034 986 09 02 04 Luns 16 de Decembro de 2019

A XUNTA AVOGA POLA FORMACIÓN DOS AVOGADOS ESPECIALIZADOS DO SERVIZO DA QUENDA DE OFICIO ESPECÍFICA DE VIOLENCIA DE XÉNERO


O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe na inauguración do curso “Acceso e formación continuada na quenda da violencia de xénero”, organizado polo Colexio de Avogados da Provincia da Coruña

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, apelou hoxe á necesidade de que os letrados especializados do servizo da quenda de oficio específica de violencia de xénero reciban unha formación adecuada. Nesta liña, destacou o compromiso da Xunta na loita contra esta lacra que, no caso da Administración de Xustiza, traballa para unha maior dotación de recursos e formación que contribúa a acadar unha atención integral ás vítimas.

Juan José Martín participou hoxe na inauguración do curso “Acceso e formación continuada na quenda de violencia de xénero”, organizado polo Ilustre Colexio de Avogados da Provincia da Coruña e no que colabora a Xunta. Na súa intervención sinalou a importancia da quenda de garda permanente que garante a prestación de asistencia ás vítimas de violencia de xénero a través de avogados especializados que se encargan da súa defensa no xuízo e do asesoramento previo a interpoñer a denuncia. A Xunta destaca que é fundamental que as vítimas de violencia de xénero se sintan acompañadas cando recorren ao sistema xudicial e conten cunha atención especializada para elas e os seus fillos e fillas.

A Administración autonómica, consciente da importancia desta actuación, vén aplicando desde 2018 un incremento do módulo da indemnización económica aos colexios de avogados, polas actuacións dos seus colexiados na defensa xurídica inmediata das vítimas de violencia de xénero nas dilixencias policiais, na tramitación das ordes de protección e nos procesos administrativos. No primeiro semestre deste ano, os colexios de avogados galegos notificaron 532 asuntos, polos que a Xunta abonou case 60.000 euros.

Para loitar contra a violencia de xénero desde o ámbito da Xustiza, a Xunta mantén a atención prioritaria das necesidades de persoal ou material dos xulgados especializados en violencia de xénero. Nesta liña, reforzouse o persoal das Oficinas de Atencións ás Vítimas, coa incorporación de sete traballadoras sociais, unha en cada oficina, que se suman aos sete profesionais da psicoloxía e os 14 funcionarios.

O Goberno galego tamén traballa no acondicionamento de espazos diferenciados denominados salas Gesell, como a que xa funciona na sede xudicial de Ourense, co obxectivo de garantir a protección e privacidade na declaración de testemuñas vulnerables e menores de idade. Ademais, coa implantación das novas tecnoloxías a través do Plan Senda 2020 apóstase polas videoconferencias para evitar as asistencias aos xuízos que sexan prescindibles.

No marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, o Goberno galego asinou o pasado outubro un convenio co Consello da Avogacía Galega e o Consello Galego dos Procuradores para levar a cabo accións de formación especializada para avogados e procuradores sobre atención a mulleres e menores que sofren violencia de xénero. Outra parte destas axudas destinouse á formación en materia de xénero do persoal de Xustiza da Xunta a través de cursos presenciais na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para os que se ofertaron este ano máis de 250 prazas.

Deja un comentario