+034 986 09 02 04 Luns 24 de Febreiro de 2020

OBRAS DE MELLORA DE BEIRARRÚAS EN CINCO RÚAS DO CENTRO URBANO


Nestes días a concellería de Vías e Obra executa a reparación de beirarrúas para garantir a accesibilidade e o tránsito seguro dos peóns
A concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, supervisa nestes días as obras de mellora de beirarrúas que se están a executar en distintos puntos do centro urbano con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A través dun procedemento aberto simplificado o goberno adxudicou as obras por unha cuantía de 37.299,15€ (ive incluído).
Esta actuación permitirá a reparación das beirarrúas e mellora dos accesos aos pasos de peóns nas rúas Daniel Ojea, Mestres, Mimosas, Orotava e Virxe da Luz.
Para mellorar o tránsito e a seguridade dos peóns, estanse a executar obras de substitución de todo o pavimento en máis de 600 metros cadrados. Para este traballo houbo que levantar, demoler e retirar as baldosas deterioradas, sobre todo polo dano das raíces das árbores e proceder ao destoconado para a posterior pavimentación con baldosa hidráulica con base de formigón.
Ademais, tamén se procedeu a repor algúns bordillos e se mellorou a accesibilidade ás garaxes e pasos de peóns.
Chus Garrote engade que estas obras de reparación, enmarcadas no plan anual de mantemento de beirarrúas, melloran tamén a accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida contemplando os rebaixes e medidas precisas recollidas na normativa.

Deja un comentario