+034 986 09 02 04 Mércores 08 de Xullo de 2020

PAZOS DE BORBÉN PRESENTA O SEU PROGRAMA DE ACTOS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


O Concello celebrará durante esta semana varias actividades centradas na loita contra a violencia machista
O Concello de Pazos de Borbén presentou esta mañá o seu programa de eventos para celebrar o próximo 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. As actividades programadas están dirixidas a diversos sectores da poboación e ten como obxectivo resaltar o apoio institucional do consistorio á loita contra o machismo.
A primeira das actividades levará a cabo este sábado e será a do curso de autodefensa para mulleres que, ao organizarse conxuntamente cos Concellos de Soutomaior e Vilaboa, terá lugar no edificio Multiusos de Arcade. Ademais, realizaranse varias campañas informativas nos centros deportivos do municipio nas que se repartirá material didáctico sobre a violencia de xénero.
A edil de Igualdade, Elisa Nogueira, destacou a loita pola igualdade como un dos valores fundamentais de todas as actividades municipais. “Ademais de levar a cabo iniciativas de todo tipo, sempre integramos a perspectiva de xénero nas actividades do resto de concellerías”, indicou a edil sinalando que “o noso traballo empeza promovendo a igualdade desde as propias institucións”.
O luns, día mundial Contra a Violencia de Xénero, a Casa do Concello acollerá un acto de reivindicación contra o machismo que contará coa representación do equipo de goberno e no que se procederá a ler un manifesto institucional en favor da loita contra o machismo.
Os actos programados finalizarán o xoves día 28 de novembro cunha charla no CPI Curros Enríquez dirixida aos alumnos de secundaria e que abordará varios factores importantes para a prevención das condutas machistas, así como diversos conceptos de igualdade específicos para o ámbito da educación.

Deja un comentario