+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018

Cores Tourís coñeceu a proposta dos concellos da Conca do Río Verdugo-Oitavén para a posta en marcha de dous novos obradoiros de emprego


A Lama, Ponte Caldelas e Fornelos de Montes presentaron ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra a súas solicitudes destacando a súa satisfacción co actual obradoiro que está a piques de rematar

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión cos alcaldes de A Lama, Ponte Caldelas e Fornelos de Montes para coñecer as súas propostas de cara a posta en marcha de novos obradoiros de emprego na Conca do Río Verdugo-Oitavén.
Jorge Canda, Perfecto Rodríguez e Emiliano Lage trasladaron ao delegado territorial a súa satisfacción polo actual obradoiro de emprego que se está a desenvolver nestes intres entre os tres concellos. “A experiencia está a ser todo un éxito, polo que desexaríamos continuar con dous novos obradoiros, un que seguiría a liña do actual con formación en aproveitamento forestal e xardinería e atención sociosanitaria, e outro enfocado a menores de 25 anos no que se daría formación en confección de páxinas web e axuda ao fogar”, explicou o rexedor de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, quen asegurou que “así llo trasladamos ao delegado territorial e tamén a Consellería de Traballo e Benestar”.
En relación aos proxectos de obradoiro presentados ao delegado territorial, os alcaldes destacaron o de “Suido-Eiras 2015”, destinado a menores de 25 anos, e que permitiría mellorar as páxinas web dos concellos de A Lama e Fornelos de Montes, así como crear un espazo web que aglutine o patrimonio natural e cultural da serra do Suido. Pola súa banda, o concello de Ponte Caldelas dedicaría este obradoiro a formación de mozos e mozas de menos de 25 anos en atención sociosanitaria a persoas no domicilio.
En canto a solicitude para o segundo obradoiro, “Conca do Río Verdugo-Oitavén II”, os tres concellos propoñen como obxectivo do mesmo, continuar a formar a veciños das localidades para o aproveitamento forestal e xardinaría, o que permitiría tamén mellorar as zonas verdes do parque empresarial da Reigosa en Ponte Caldelas así como a creación dunha zona de viveirismo en Fornelos de Montes. Finalmente, A Lama apostaría pola formación en atención sociosanitaria a persoas no domicilio.
Por outra banda, os tres alcaldes destacaron que o actual obradoiro, “Conca do Río Verdugo-Oitavén I” está a piques de rematar. Neste taller, a Xunta investiu 177.700 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento superou os 220.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo deste cursos foi preparar a 20 alumnos, aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación en Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e en Forestal-Xardinería: un director, una titora, unha administrativa e tres monitores.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mostrou a súa satisfacción porque os concellos desexen continuar con este tipo de iniciativas xa que teñen “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente”, recordando “o manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.
Durante estos seis meses, o alumnado estivo a traballar levando a cabo labores de mantemento do complexo deportivo Chan de Barcia, os xardíns de Xerardo Carballal Morgade, a praza de Frai Antonio Orge, o paseo do Río, o parque do paseo Manuel Cordo Boullosa e a urbanización do edificio Sol. No caso de A Lama, a maiores, tamén se acondicionou a carballeira de Os Prados e se repoboará o polígono industrial de Racelo.

Deja un comentario